Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local adxudica obras en sete...

NO CASCO URBANO XA TEÑEN LUZ VERDE AS REURBANIZACIÓNS DA RÚA SOL E DA CONTORNA DO CEIP A CRISTINA

A Xunta de Goberno Local adxudica obras en sete parroquias por un importe próximo ao millón de euros

Na zona rural complétase o plan de asfaltados das vías municipais secundarias e comeza o de aglomerado das principais

Luns 7 de maio do 2018 Carballo ao día

Recreación do acabado das rúas da contorna do CEIP A Cristina

Recreación do acabado das rúas da contorna do CEIP A Cristina

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa sesión ordinaria de hoxe catro proxectos de obras e infraestruturas que se desenvolverán en sete parroquias e que suporán un investimento total de 987.749,21 euros.

A contía máis importante corresponde á reurbanización da contorna do CEIP A Cristina, na que o Concello de Carballo investirá 343.781,85 euros. As obras, que seguirán o modelo implantado na zona do CEIP Xesús San Luís Romero, afectarán ás rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro, nas que, ademais de actuar para mellorar a accesibilidade e a seguridade do alumnado, está prevista a instalación ou renovación de todas as infraestruturas dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e alumeado, que supoñen unha parte moi importante do orzamento, ademais dun tratamento en superficie con plataformas únicas, mobiliario urbano e axardinamento. O proxecto será executado pola empresa Lancer.

A mesma construtora resultou adxudicataria doutras dúas actuacións, nestes casos na zona rural. Por unha banda, cun orzamento de 130.670,61 euros, figura a mellora integral da rede viaria secundaria da parroquias de Berdillo e Ardaña. Con elas completaranse as actuacións de asfaltado nas 18 parroquias, cun investimento total próximo aos dous millóns de euros. O obxectivo é que as obras se leven a cabo o antes posible para que estean listas antes de que remate o verán.

Na rúa Sol daráselle certa continuidade á actuación desenvolvida en Martín Herrera

Na rúa Sol daráselle certa continuidade á actuación desenvolvida en Martín Herrera

Por outra banda, o plan integral de asfaltados vai rematando e o Concello de Carballo pon en marcha o de aglomerado das vías municipais cualificadas como estruturantes polo nivel de circulación ou porque serven de comunicación entre parroquias. Hoxe a Xunta de Goberno adxudicou tamén a empresa Lancer o proxecto de mellora da capa de rodadura en vías de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde, cun orzamento de 221.323,75 euros. Nun caso trátase de aglomerar a estrada que atravesa as tres parroquias costeiras e no outro, a vía que vai desde A Fonte ata Aldemunde de Arriba. As dúas son peticións dos consellos parroquiais.

Por último, a empresa Construcciones Vázquez y Reino é a adxudicataria do proxecto de reurbanización da rúa Sol, cun orzamento de 291.973 euros. Neste caso a actuación inclúe a renovación ou ampliación dos servizos urbanísticos que así o requiren e a mellora da accesibilidade creando unha plataforma única e dándolle continuidade, mediante xardinería e mobiliario urbano, á intervención realizada en Martín Herrera.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases das convocatorias de subvencións en materia de deporte para o ano 2018, nove licenzas urbanísticas, a composición da comisión de festas e a programación con Apego para esta primavera. Así mesmo deuse luz verde á adxudicación do contrato de xestión da Aula de Teatro do Concello de Carballo a Producións Teatrais Talía SL por un período de dous anos e un prezo de 18.989,74 euros. Tamén foi aprobado o contrato de subministro por renting dun servizo integral de impresión por 48 meses á empresa NEA F3 Ibérica, cun prezo total de 84.127,72 euros.

Compartir: