Inicio Carballo ao día Hemeroteca A bandeira azul sumarase este verán aos...

A bandeira azul sumarase este verán aos certificados de calidade nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor e a Federación Europea de Educación Ambiental fixeron pública hoxe a concesión dos distintivos

Martes 8 de maio do 2018 Carballo ao día

Este verán ondearán tres bandeiras azuis no litoral carballés: nas praias de Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, como nos anteriores, e tamén na de Razo, que recupera o distintivo. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e a sección española da Federación Europea de Educación Ambiental deron a coñecer hoxe a listaxe de praias con bandeira azul, que ten como principal obxectivo estimular o cumprimento da Directiva de Calidade de Augas de Baño da UE. Neste sentido, a temporada pasada fixéronse un total de 61 analíticas entre o Concello de Carballo e a Consellería de Sanidade, e as augas de baño acadaron en todas a cualificación de excelente.

Pero, ademais deste, a Concellaría de Praias de Carballo ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral. Nesa liña enmárcase a renovación de dous dos certificados máis esixentes da Unión Europea, EMAS e ISO 14:001, que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Supoñen ir un paso máis aló das bandeiras azuis, que se centran sobre todo no nivel de servizos das praias de cara a quen as usa, mais non tanto no seu desenvolvemento sostible.

O departamento que dirixe Miguel Vales ten implantado un sistema de xestión ambiental desde o ano 2014, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor de praias e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente.

O Concello de Carballo conta, ademais, cun servizo de limpeza das praias que funciona durante todo o ano, aínda que con distintas intensidades en función da época e do uso. E agora mesmo xa ten en marcha o procedemento de selección de persoal para as 35 prazas de socorristas que están convocadas para este verán 2018.

Compartir: