Inicio Carballo ao día Hemeroteca Estudantes do CEIP San Luís Romero...

Estudantes do CEIP San Luís Romero participaron no segundo encontro interxeracional entre o Horto Infantil e o Centro de Día

Os nenos e nenas, de 4º e 5º cursos de primaria, quixeron coñecer os costumes e as afeccións dos usuarios e usuarias do servizo

Mércores 9 de maio do 2018 Carballo ao día

No segundo encontro participaron nenos e nenas do colexio Xesús San Luís Romero

No segundo encontro participaron nenos e nenas do colexio Xesús San Luís Romero

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º e 5º de primaria do CEIP Xesús San Luís Romero participaron esta mañá no segundo encontro interxeracional promovido polo Horto Infantil Ecolóxico Municipal e o Centro de Día, integrado na Rede Pública de Centros de Galicia que xestiona a Xunta de Galicia.

Durante máis dunha hora, nenos/as e maiores compartiron experiencias e coñecementos nunha xornada moi emotiva na que, ademais de lembranzas, houbo moitas preguntas. Entre outras curiosidades, os/as estudantes quixeron saber como transcorrera a infancia e a mocidade dos usuarios e usuarias do centro e quedaron moi sorprendidos ao descubrir que moitos deles/as xa traballaban cando apenas tiñan a súa idade. Ademais de falar sobre os labores agrícolas de antano, os e as maiores tamén deron boa conta dalgunhas das súas afeccións e, por exemplo dos traxes de baño que empregaban para ir á praia, unhas túnicas longas ata os pés para as mulleres, que nada teñen que ver cos actuais.

Os/as maiores entregaron flores feitas a man aos nenos e nenas

Os/as maiores entregaron flores feitas a man aos nenos e nenas

Outra das cuestións que máis lles chamou a atención aos escolares foi, sen dúbida, o feito de que antes non houbera móbiles nin teléfonos en todas as casas, algo que tamén sorprendeu aos maiores pero polo uso excesivo que deles se fai na actualidade.

O encontro rematou con agasallos, xa que os/as maiores tiñan preparados ramos de flores feitas de papel para as profesoras e o coordinador do Horto, e tamén entregaron cadansúa flor aos nenos e nenas que acudiron a visitalos.

Compartir: