Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luis Lamas expuxo en Santiago a experiencia mixta...

Luis Lamas expuxo en Santiago a experiencia mixta de compostaxe e vermicompostaxe do Concello de Carballo

Un total de 150 persoas participaron xornada formativa sobre a xestión da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (FORSU) organizada pola Fegamp

Mércores 9 de maio do 2018 Carballo ao día

Luis Lamas, durante a súa intervención nas xornadas de hoxe

Luis Lamas, durante a súa intervención nas xornadas de hoxe

A xornada FORSU: RETOS E OPORTUNIDADES organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias, conseguiu reunir nunha ás administracións locais xunto con entidades experimentadas na materia, dando a coñecer os retos e oportunidades da xestión da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos. En total, 150 persoas acudiron á cita na Cidade da Cultura de Compostela, entre elas o concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Luis Lamas, que foi un dos poñentes.

"Comezamos o proceso de compostaxe coa intención de facelo ben xa que o sistema non falla, e por iso, o 92% dos primeiros que empezaron co compostaxe non o deixaron e non hai ningún detractor do sistema", expuxo Luis Lamas na mesa orientada a dar a coñecer diferentes iniciativas de xestión da fracción orgánica que se están a desenvolver en distintos concellos, entre elas o programa mixto de compostaxe e vermicompostaxe de Carballo. María Martínez, responsable da Sección de Residuos da Deputación de Pontevedra, falou da implantación do Plan Revitaliza e do plan formativo de “mestres composteiros” que teñen en marcha; Miguel Ángel Sandar, xerente do Consorcio As Mariñas, amosou a experiencia da entidade e plasmou tamén unha perspectiva futura do reciclaxe con propostas como contedores con apertura mediante tarxeta do/a usuario/a, e para rematar Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, trasladou a súa experiencia positiva no proxecto Allariz Re, no que están involucrados 250 veciños/as que fan compostaxe nas súas casas.

Vistas as intervencións que se suscitaron nas roldas de preguntas por parte dos asistentes, púxose de manifesto o gran interese que existe nas Entidades Locais por atopar unha estratexia de xestión da fracción orgánica, pero tamén quedou patente que non existe unha solución única senón que as estratexia pasan por ter en conta as características propias de cada territorio.

Compartir: