Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo Limpo continúa ampliando o plan...

Carballo Limpo continúa ampliando o plan de implantación de composteiros debido á elevada demanda

O Concello de Carballo abre o prazo de solicitude de 25 novos composteiros grazas á colaboración de Sogama

Xoves 10 de maio do 2018 Carballo ao día

No programa de compostaxe participan familias e centros escolares

No programa de compostaxe participan familias e centros escolares

O programa de compostaxe caseira promovido polo Concello, a través de Carballo Limpo, continúa medrando. Nestes momentos hai 150 familias que están a colabora na eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento. Grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar máis de 100 toneladas ao ano dos colectores verdes, e para seguir mellorando poñemos en marcha a quinta fase do programa con 25 novos composteiros.

As persoas que queiran colaborar na consecución dun Carballo máis sostible só teñen que presentar a súa solicitude no Concello de Carballo, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Tanto o composteiro coma a formación para o seu uso serán de balde grazas á colaboración de Sogama. Como en iniciativas anteriores, as vivendas que queden fóra desta fase pasarán a unha lista de agarda para posteriores accións.

O programa chegará tamén ao casco urbano grazas a un programa específico no que poderán participar inicialmente un total de 2.000 familias, e que suporá a continuación do proxecto piloto Ti tes a chave, que se levou a cabo no barrio da Milagrosa.

Con cargo ao Plan Único Adicional, o Concello de Carballo xa ten prevista e aprobada a adquisición dos primeiros 151 contedores de cor marrón que se colocarán nas distintas zonas do casco urbano a disposición das persoas interesadas. Sogama colaborará na formación do voluntariado e nas futuras ampliacións da rede de recollida. “Temos a intención de facer esa implantación progresiva para poder garantir a calidade da materia orgánica e que, como se conseguiu na Milagrosa, os impropios sexan os menos posibles”, indicou o alcalde, Evencio Ferrero.

Xunto a este programa temos en marcha tamén unha experiencia piloto de vermicompostaxe na que están a participar 22 familias.

Compartir: