Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero asinou o contrato para a...

Evencio Ferrero asinou o contrato para a construción dunha skate-praza xunto á Biblioteca Rego da Balsa

A obra será executada pola empresa Construcciones López Cao, que dispón dun prazo de catro meses para levala a cabo

Luns 14 de maio do 2018 Carballo ao día

Na sinatura dos contratos, que tivo lugar hoxe na Alcaldía, estivo presente o concelleiro Marcos Trigo

Na sinatura dos contratos, que tivo lugar hoxe na Alcaldía, estivo presente o concelleiro Marcos Trigo

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato de execución dun proxecto pioneiro na Costa da Morte e que conta con gran demanda por parte, sobre todo, da xente nova: a skate-praza que se situará xunto á Biblioteca Rego da Balsa, e que cubrirá esa dobre función de praza pública e circuíto de skate. A execución corresponderá á empresa Construcciones López Cao, que dispón dun orzamento de 145.200 euros e un prazo de catro meses.

O proxecto da skate-praza ten dúas finalidades principais. Desde o punto de vista urbanístico, completar a ordenación do solo de equipamentos cunha solución que dea continuidade ao importante espazo dinamizador que xa é a Biblioteca Rego da Balsa e convertendo esa mazá nun elemento xerador de urbanidade de cara ao futuro desenvolvemento de todo ese ámbito. Desde o punto de vista social, a nova praza, deseñada polo mesmo arquitecto que a biblioteca, mantén a filosofía de flexibilidade, dinamismo e intercambio social.

Partindo desas premisas, o novo espazo converterase nunha continuación do patio central da biblioteca, no que poderán realizarse actividades de bibliopraza e que contará cunha zona de extensión da biblioteca infantil con pavimento de caucho e xogos. Tamén se creará unha zona de estancia con sol e sombra para usuarios/as de diferentes idades, unha franxa arborada e pavimentada para a práctica do baile ou slalom, e unha skate-praza pensada para o público adolescente e non tanto que vén reclamando este tipo de equipamentos, vinculados aos espazos multimedia e de cómic existentes no interior do edificio.

Saneamento en Vilar de Cidre

Hoxe tamén foi asinado o contrato correspondente ás obras da rede de saneamento de Vilar de Cidre (Razo), que tamén serán executadas pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 160.204 euros. O prazo para levalas a cabo é de cinco meses.

Compartir: