A Xunta de Goberno aprobou proxectos empresariais no polígono de Bértoa que superan 1,7 millóns de investimento
Autorizado o pago de 311 facturas por un importe total de 125.269 euros
Luns 21 de maio do 2018 Carballo ao día
Na Xunta de Goberno Local foron aprobados tres proxectos empresariais
A Xunta de Goberno Local de hoxe volveu a reflectir a intensa actividade que está a desenvolverse no polígono de Bértoa. Nesta ocasión foron aprobados tres novos proxectos de naves industriais, dous de construción e outro de ampliación, que superan 1,7 millóns de euros de investimento. De feito, a ampliación dunha empresa de fabricación de vivendas modulares xa supón case 1,2 millóns, e o resto corresponde á construción dun almacén para unha empresa instaladora e outro para unha envasadora de legumes, que modifica outro proxecto presentado e aprobado con anterioridade. En materia urbanística tamén foron aprobadas outras licenzas e varios vaos permanentes.
A xuntanza de hoxe foi un exemplo tamén de que a normalidade vai volvendo aos servizos económicos despois da demora no pago de facturas que supuxo a implantación dunha nova aplicación informática contable. O goberno local autorizou o pago de 311 facturas por un importe total de 125.269,88 euros.
A Xunta de Goberno Local aprobou, ademais, a adxudicación da dirección e coordinación da Banda Municipal de Bandas a Jesús Moreira Castro por un período de 4 anos, prorrogable ata un máximo e 6. Así mesmo, autorizou os convenios de colaboración coa ADC Voleipraia Costa da Morte para o desenvolvemento das Escolas Deportivas de Voleipraia, por 4.500 euros, e coa Escola Basket Xiria para o Pequebasket, por 6.000 euros.
Por outra banda, foron aprobadas as solicitudes presentadas pola empresa Hydracorte dentro do programa Carballo Activa pola contratación de dous traballadores formados no centro municipal do Fórum.