Inicio Carballo ao día Hemeroteca O inventario municipal de bens do Concello de...

PLENO ORDINARIO

O inventario municipal de bens do Concello de Carballo acada un valor total próximo aos 280 millóns de euros

Aprobados todos os puntos incluídos na orde do día agás a moción do PP sobre a estrada de Razo

Mércores 27 de xuño do 2018 Carballo ao día

No pleno houbo dúas ausencias, a de Miguel Vales por motivos laborais e a de Aurelio Núñez por motivos familiares

No pleno houbo dúas ausencias, a de Miguel Vales por motivos laborais e a de Aurelio Núñez por motivos familiares

Rematou a semana grande de San Xoán e a corporación municipal de Carballo celebrou a sesión ordinaria de pleno un día máis tarde do habitual e con dúas ausencias, a do popular Aurelio Núñez, polo pasamento dun familiar, e a do nacionalista Miguel Vales, por motivos laborais. Todos os asuntos incluídos na orde do día, agás a moción do PP sobre a estrada de Razo, foron aprobados.

Deste xeito, a corporación deu luz verde á bonificación do 95% do ICIO proposta para Calvo Conservas, que vai realizar un investimento de 700.000 euros na ampliación da súa fábrica para “reforzar Carballo como centro fabril de referencia”, como sinalara o alcalde, Evencio Ferrero.

Tamén foi aprobado, aínda que sen a unanimidade do punto anterior, o inventario municipal de bens, que acada un valor próximo aos 280 millóns de euros e aumenta en máis de 3 millóns con respecto ao ano pasado debido á incorporación de obras coma o acceso ao campo da festa de Oza, as melloras viarias en varias parroquias, as infraestruturas do polígono industrial ou o acondicionamento de rúas urbanas. O resumo por epígrafes pode consultarse no cadro adxunto.

Contratos de alumeado e residuos

Un dos asuntos máis debatidos da sesión foi a proposta de modificación do contrato do alumeado público, que finalmente saíu adiante só cos votos a favor do goberno municipal do BNG. Na modificación do contrato do lixo tamén votaron a favor os tres edís de Terra Galega, mentres que o resto da oposición abstívose. No primeiro caso, o obxectivo da modificación é atender as novas necesidades en materia de alumeado, sobre todo por construción de vivendas e/ou equipamentos ou por motivos de seguridade. A oposición puxo en dúbida a fórmula escollida baseándose nas observacións de dous dos catro informes técnicos solicitados. No segundo trátase de actualizar os prezos segundo o previsto no contrato coa empresa concesionaria, de maneira que o Concello terá que pagar 9.344,79 euros máis ao ano polo aumento das toneladas de residuos que se envían a Sogama.

O recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas do ano pasado que foron presentadas no actual saíu adiante coa abstención de toda a oposición.

Iniciativas da oposición

Héctor García (3º na mesa) exerceu como voceiro do PP

Héctor García (3º na mesa) exerceu como voceiro do PP

O PP quedou só na defensa da súa moción para solicitar á Deputación Provincial da Coruña a construción da estrada alternativa a Razo prevista no PXOM. O PSOE, que se abstivo na votación, pediu a retirada da moción, fundamentalmente, porque fixa un prazo que considera difícil cumprir. TeGa tamén presentou unha emenda apostando polo arranxo da vía actual en lugar da construción dunha nova, que suporía un custe multimillonario e un proceso de expropiación de terreos longo e difícil. O BNG, na mesma liña, engadiu que a Deputación non ten competencias nin orzamento para a construción de estradas, senón só no arranxo das que son da súa titularidade, e que en todo caso sería habería que facerlle a petición á Xunta, que si dispón de orzamento e ten competencias. Nese sentido presentou outra emenda que tampouco foi aceptada polo PP. Deste xeito, a moción foi rexeitada.

No apartado de rogos e preguntas, o PSOE preguntou pola colocación de baldosas de cor vermella nas obras de mellora da seguridade nos camiños escolares, algo que obedece, como explicou a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, ás necesidades das persoas con dificultades visuais. O populares interesáronse polos accidentes nos bolardos da rúa Desiderio Varela, o contrato do alumeado, os saneamentos de Entrecruces e algunhas peticións dos consellos parroquiais. TeGa, pola súa banda, tamén preguntou polos bolardos, os procesos de selección de auxiliares de policía e do inspector, os problemas de insalubridade nunha propiedade privada da rúa Mirtos, a oferta de acollida a refuxiados do Aquarius e o convenio colectivo e o acordo regulador que veñen de asinarse, entre outras cuestións.

Compartir: