Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha nova bandeira ondea na fachada da Casa do...

28 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DA DIVERSIDADE SEXUAL

Unha nova bandeira ondea na fachada da Casa do Concello como símbolo de apoio á igualdade e a diversidade

Xoves 28 de xuño do 2018 Carballo ao día

Maica Ures e Evencio Ferrero realizaron un

Maica Ures e Evencio Ferrero realizaron un "izado" simbólico da bandeira

“Que bandeira é esa?”, preguntaban moitas das persoas que paseaban entre os postos do mercado semanal mentres os operarios municipais colocaban na fachada da Casa do Concello unha lona coas cores do arco da vella. “É a bandeira da diversidade sexual, e simboliza o apoio do Concello de Carballo á igualdade e á diversidade”, explicou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que realizou acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, un izado simbólico.

Durante o que queda de semana teremos unha nova bandeira na Casa do Concello. Deste xeito, explica Maica Ures, “queremos sumarnos á celebración do 28 de xuño coma Día Mundial da Diversidade Sexual, no compromiso deste goberno municipal coa igualdade de dereitos de todas as persoas, sexa cal sexa a súa orientación afectiva e/ou sexual ou identidade de xénero”. Ao mesmo tempo, desde a área de Igualdade e Benestar aprovéitase esta data para pedir “respecto, dignidade e autoestima para todas as persoas”.

Carballo é un dos numerosos concellos que secundan a campaña #construíndodiversidade, unha iniciativa da Deputación da Coruña para “sensibilizar sobre a necesidade de xerar sociedade, apoiando a diversidade e a liberación sexual que non entende de orientación sexual ou identidade de xénero, así como dignificar a comunidade #LGTBQI”. Maica Ures destaca que cada ano “somos máis os concellos galegos que contribuímos coas nosas políticas á non discriminación de calquera colectivo. Sumámonos a este sentir común e animámosvos a unirvos á visibilización desta causa”.

Compartir: