Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanza a campaña de roza dos máis...

Avanza a campaña de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas asfaltadas do concello

A Concellaría de Obras e Servizos aproveita a época de máis calor porque a limpeza é máis efectiva e as cunetas quedan libres de maleza durante máis tempo

Venres 29 de xuño do 2018 Carballo ao día

Os operarios municipais completarán a semana que vén os traballos iniciados xa na Brea

Os operarios municipais completarán a semana que vén os traballos iniciados xa na Brea

Os dous tractores municipais están traballando xa na posta a punto dos máis de 600 quilómetros de pistas asfaltadas que temos no concello. Durante os primeiros días do mes de xuño as máquinas estiveron traballando no casco urbano, e desde a semana pasada están a facelo na zona rural. Por unha banda estase a actuar nas parroquias onde se están realizando obras de aglomerado, casos de Aldemunde, Noicela, Rebordelos e Lema, coma de asfaltado, casos de Berdillo e Ardaña. Nesta última atópanse durante a xornada de hoxe. Por outra, dáselles prioridade aos lugares onde se celebran festas, como ocorreu en Ferrol (Rus), A Piña (Sofán) e Vilar de Francos (Artes).

A partir do luns os tractores centraranse no barrio da Brea, onde xa está executado parte do traballo, e despois continuarán por traballando en dobre quenda para axilizar as tarefas e completar canto antes o territorio. Para o luns tamén está prevista a incorporación doutras dúas máquinas, que se centrarán na limpeza dos lugares da costa, empezando por Leira.

Deste xeito, nos tres meses que van dende xuño ata setembro quedará rozada toda a rede viaria municipal, tal como explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Despois dos bos resultados do ano pasado, a campaña volveu a comezar en xuño, tratando de aproveitar a época de máis calor, xa que a limpeza é más efectiva porque a maleza seca e as cunetas permanecen libres de maleza durante máis tempo.

Compartir: