Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Sol estará pechada o...

A rúa Sol estará pechada o tráfico a partir do luns, agás para residentes, para a execución das obras de reurbanización

O tráfico rodado cara A Coruña será desviado pola rúa Vila de Negreira, e o que se dirixa a Malpica ou Fisterra irá pola avenida da Milagrosa

Venres 29 de xuño do 2018 Carballo ao día

O luns 2 de xullo comezarán as obras na rúa Sol. A actuación, moi demandada pola veciñanza, permitirá modernizar os servizos urbanísticos, que nalgúns casos están obsoletos ou incompletos, e mellorar a accesibilidade. Pero a execución dos traballos precisos para conseguilo provocará molestias e obrigará a manter a vía cortada ao tráfico desde a rotonda ata a rúa Martín Herrera. Tan só se permitirá o paso a residentes, que, segundo o desenvolvemento dos traballos, accederán desde a rotonda ou desde a rúa Gran Vía (plano adxunto).

Debido ao peche da rúa, o tráfico rodado con destino á Coruña será desviado pola rúa Vila de Negreira, mentres que os vehículos que se dirixan cara a zona de Malpica ou Fisterra deberán utilizar a avenida da Milagrosa. Os desvíos estarán debidamente sinalizados e a Policía Local prestará unha atención especial á zona. Os/as condutores/as que o precisen teñen ao seu dispor os números de teléfono 092 e 981 701 22.

Proxecto de obra

O Concello de Carballo realizará un investimento de 291.973 euros no proxecto, que será executado pola empresa local Construcciones Vázquez y Reino. Ademais de mellorar os servizos e a accesibilidade, a actuación inclúe a renovación de todos os acabados e o mobiliario urbano, así coma a incorporación de xardinería, dándolle continuidade neste sentido á actuación xa realizada en Martín Herrera.

O proxecto abrangue, de feito, desde o remate da obra de Martín Herrera ata o cruce con Oriente e Vila de Negreira, xunto á rotonda. En total, 214 metros de lonxitude e un ancho de vía variable desde os 7,50 ata os 12,30 metros. Coa actuación prevista crearase unha plataforma única con distintos pavimentos segundo o tipo de uso. Deste xeito, nas zonas peonís a ámbalas marxes da rúa utilizarase granito coma o da Martín Herrera. Este material tamén se manterá para a zona de circulación ata o cruce coa Gran Vía, pero a partir de aí ata a rotonda será de formigón.

Na zona da rotonda a actuación estenderase ata a rúa Vila de Negreira, incorporando o cruce coa rúa Oriente e dando lugar así a unha pequena praza xunto ao primeiro mural do proxecto Derrubando Muros con Pintura. Neste espazo utilizarase o granito e haberá unha zona de soleira, ademais de bancos e vexetación.



Galería

Compartir: