Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrancan as obras nas contornas dos colexios San...

INVESTIMOS 1 MILLÓN DE EUROS PARA MELLORAR A MOBILIDADE ESCOLAR

Arrancan as obras nas contornas dos colexios San Luís Romero e A Cristina aproveitando as vacacións de verán

Continúan tamén os traballos de eliminación de barreiras nos camiños escolares do Fogar e o Bergantiños, que se estenderán aos outros dous centros urbanos

Luns 2 de xullo do 2018 Carballo ao día

Na contorna do CEIP San Luís Romero estase a traballar na rúa Saturnino Cuíñas

Na contorna do CEIP San Luís Romero estase a traballar na rúa Saturnino Cuíñas

As contornas dos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina mudarán por completo coas obras que se están a executar aproveitando as vacacións de verán. O alcalde, Evencio Ferrero, visitounas hoxe acompañado polas concelleiras de Mobilidade, Milagros Lantes, e Facenda, Belén Lendoiro.

No CEIP da Milagrosa é máis doado intuír o cambio despois da actuación realizada xa nas rúas Fotógrafo Xosé Vidal e Xesús San Luís Romero. Agora mesmo a empresa adxudicataria, Construcciones López Cao, está a traballar na Saturnino Cuíña, pero o proxecto abrangue tamén a Cemiterio Vello.

O obxectivo da actuación é mellorar a accesibilidade, ademais de ordenar o tráfico rodado en todo o ámbito. Como na maior parte das intervencións urbanas que están a desenvolverse, o goberno municipal de Carballo optou por un modelo de plataforma única, con carrís de sentido único, grandes beirarrúas e áreas axardinadas, ademais de renovar, instalar ou deixar previstos todos os servizos soterrados (auga, saneamento, recollida de pluviais e redes de alumeado, electricidade, teléfono, fibra e gas canalizado) para evitar obras futuras.

Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Belén Lendoiro, nas obras da Cristina

Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Belén Lendoiro, nas obras da Cristina

O modelo que pode verse xa na contorna do CEIP San Luís Romero trasladarase tamén á zona do CEIP A Cristina, onde hoxe mesmo comezou a traballar a empresa Lancer. Con cargo ao superávit do ano 2016 o Concello de Carballo continúa avanzando no plan de mellora da accesibilidade nas áreas escolares, que se completará, ademais, cunha intervención nas rutas do pedibús.

Neste caso o proxecto afecta a tres rúas: Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro. O proxecto do arquitecto José Carlos Seoane González, que tamén deseñou a contorna do San Luís Romero, inclúe a instalación ou renovación de todas as infraestruturas dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e alumeado, que supoñen unha parte moi importante do orzamento. Tamén se optará por plataformas únicas, e o tratamento en superficie complementarase coa instalación de mobiliario urbano e o axardinamento da zona.

Camiños escolares sen barreiras

As obras nas contornas destes dous centros representan un investimento total de 859.520,15 euros. A maiores, o Concello de Carballo está a acometer tamén un proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas nos camiños escolares dos CEIP Fogar e Bergantiños, cun investimento de 106.238 euros, financiado con cargo ao PAI Adicional. Trátase de realizar unha trintena de pequenas actuacións en cruces, vaos e pasos de peóns grazas ás cales as rutas escolares gañarán en comodidade e seguridade. Evencio Ferrero anunciou que este tipo de intervencións se estenderán tamén ás principais rutas de acceso aos colexios San Luís Romero e A Cristina, para o cal elaboraranse os correspondentes proxectos.

Compartir: