Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo municipal de control de pragas leva...

O servizo municipal de control de pragas leva retirados este ano un 75% menos de niños de vespa velutina ca no mesmo período do 2017

Entre os meses de maio e xuño foron atendidos 18 avisos

Martes 3 de xullo do 2018 Carballo ao día

Niño primario

Niño primario de avespa asiática

Hai un mes dabamos por rematada a temporada de trampeo da vespa velutina coa impresionante cifra de 10.546 raíñas capturadas e a esperanza de que a incidencia da praga fose a menos. Polo momento as expectativas estanse cumprindo, porque a estas alturas do ano o servizo municipal de control de pragas leva retirados 18 niños primarios, fronte aos 74 do ano anterior. Nesta redución de máis do 75% poderían influír varios factores, coma o tempo, pero, sen dúbida, a masiva campaña de trampeo, con centos de colaboradores, tamén é un deles.

Nese sentido, desde o Concello de Carballo agradécese a colaboración de apicultores/as, escolares e cidadanía en xeral neste traballo colectivo contra unha especie invasora que está a incidir moi negativamente tanto na poboación de abellas coma en actividades coma a produción de mel ou de froita.

En maio foron retirados 9 niños e en xuño, outros tantos: 2 en Rus, 3 en Carballo, 1 en Cances, 2 en Sofán e 1 en Artes. As avespas asiáticas escolleron alpendres, lavadoiros e mesmo un cadro eléctrico para construílos. Lembramos que as persoas que localicen un niño poden dar aviso ao 112 ou ao 012 para que se poñan en contacto co servizo municipal de control de pragas, que se encargará da súa retirada nun prazo máximo de 48 horas.

Compartir: