Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un “exército labrego” integrado por medio...

Un “exército labrego” integrado por medio cento de nenas e nenos conquista este verán o Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Seguimos actualizando as listaxes para o curso escolar coas novas incorporacións, pero aínda quedan prazas nalgún grupo. Infórmate!

Mércores 4 de xullo do 2018 Carballo ao día

Os/as máis pequenos/as incorporáronse hoxe

Os/as máis pequenos/as incorporáronse hoxe

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal está tomado este verán por un exército integrado por medio cento (51, para ser exactos) de nenas e nenos. Os máis pequerrechos incorporáronse hoxe: 11 nenas e nenos de tres e catro anos que dedicarán unha mañá á semana a sementar, apañar, limpar, regar... en definitiva, ás tarefas propias dunha horta a pequena escala.

Esta semana puxéronse en marcha os obradoiros de verán. E comezaron con traballo para os/as participantes, porque bastaron uns poucos días de sol e calor para disparar a produción de tomates, pementos, feixóns ou leitugas, así que tocou recoller. Pero o traballo tivo recompensa, porque xa puideron levar a proba para as casas. Pronto haberá máis, porque todo medra que dá gusto: cabazas, cabaciñas, berenxenas e ata o millo. O que vai peor son as patacas, que darán para poucas tortillas, e as fresas, das que xa dan boa conta os paxaros antes ca os nenos.

Unha das tarefas dos/as nenos/as é alimentar ás miñocas dos vermicomposteiros

Unha das tarefas dos/as nenos/as é alimentar ás miñocas dos vermicomposteiros

No Horto Infantil Ecolóxico Municipal, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, ocupa un lugar fundamental a agricultura, pero non é o único. Tamén hai tempo para alimentar ás miñocas dos vermicomposteiros, para plantar flores e para xogar. O obxectivo é achegar a natureza aos nenos e nenas de infantil e primaria, poñelos en contacto coa terra, ao tempo que se manteñen os labores agrícolas tradicionais, poténciase unha alimentación saudable e aléntase o emprendemento desde a infancia.

Despois do verán empezarán os obradoiros do curso escolar. Este ano temos moitísimas solicitudes e case cada día imos actualizando as listaxes con novas incorporacións, pero aínda quedan prazas nalgún grupo. Se estades interesados/as non tedes máis que preguntar na Oficina de Promoción Económica (Museo de Bergantiños) chamando ao 981 709 012.

Compartir: