Inicio Carballo ao día Hemeroteca A instalación de mobiliario urbano...

A instalación de mobiliario urbano completará a reforma integral realizada na rúa Montevideo

Esta semana comezaron as obras na rúa Sol e nos vindeiros días tamén se poñerán en marcha as da rúa Río, outros dous proxectos singulares

Mércores 4 de xullo do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero visitou a rúa Montevideo con Milagros Lantes e Belén Lendoiro

Evencio Ferrero visitou a rúa Montevideo con Milagros Lantes e Belén Lendoiro

A rúa Montevideo xa parece outra, pero mellorará aínda máis coa instalación de mobiliario urbano. O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polas concelleiras de Mobilidade, Milagros Lantes, e Facenda, Belén Lendoiro, estiveron vendo as posibilidades que ofrece a rúa, que deberá incorporar un mobiliario específico debido ás súas reducidas dimensións. O Concello de Carballo incrementará deste xeito o investimento de 123.904 euros que vén de realizar para renovar todas as infraestruturas urbanísticas –incluída a eliminación das vellas tubaxes de fibrocemento- e mellorar a accesibilidade.

Agora a rúa Montevideo ten plataforma única e conta con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento nunha das marxes e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se incluíron pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical, así como novas luminarias. O proxecto, executado por Construcciones López Cao, estendeuse ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, que estaba moi deteriorado. Nesta zona queda unicamente pendente a reposición do pavimento na zona de aparcamento.

Esta semana empezaron as obras na rúa Sol

Esta semana empezaron as obras na rúa Sol

E despois dun proxecto singular chega outro, porque esta mesma semana comezaron a traballar as máquinas de Construcciones Vázquez y Reino na rúa Sol, que permanecerá cortada ao tráfico durante a execución das obras agás para residentes. As persoas que precisen máis información poden dirixirse á Policía Local chamado aos teléfonos 092 e 981 701 22. Neste caso, o Concello de Carballo realizará un investimento de 291.973 euros para mellorar os servizos e a accesibilidade no treito comprendido entre Martín Herrera e a rotonda, onde se creará unha pequena praza.

Nos vindeiros días tamén está previsto que a empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras inicie as obras de reurbanización da rúa Río, na que realizaremos un investimento de 156.582,18 euros. Coa actuación prevista serán substituídas todas as canalizacións, que irán soterradas, e mellorarase o acabado en superficie en canto a imaxe, coa plantación de árbores, o axardinamento e a utilización de granito nos pavimentos, coma en materia de accesibilidade, mediante a creación de plataforma única.

Compartir: