Inicio Carballo ao día Hemeroteca A ONCE pon Carballo como exemplo de boas...

A ONCE pon Carballo como exemplo de boas prácticas na implantación de plataformas únicas

A organización elaborou unha publicación na que recolle os criterios técnicos que deben seguirse para garantir a seguridade e a utilidade do espazo público

Venres 6 de xullo do 2018 Carballo ao día

Os espazos de plataforma única proliferan cada vez máis polas vantaxes que supoñen para acadar vilas e cidades cada vez máis accesibles para todas e todos. Sen embargo, se o deseño técnico non é o axeitado, lonxe de cumprir o seu obxectivo poden mesmo facelos perigosos para as persoas con discapacidade visual. Para evitar que ese tipo de prácticas sigan reproducíndose, a ONCE vén de elaborar unha publicación na que ilustra os problemas “que orixina a implantación inxustificada e indiscriminada de plataformas únicas para as persoas con discapacidade visual” e propón “solucións para garantir a seguridade e a utilidade deses espazos”. Entre os exemplos de boas prácticas recollidos en todo o territorio español figura Carballo, en concreto a rúa Valle-Inclán.

Desde a ONCE demándase que á hora de abordar actuacións urbanísticas deste tipo se opten por solucións que garantan que todas as persoas poidan desprazarse de forma autónoma e segura por calquera entorno con independencia do perfil funcional e das necesidades que presenten. A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana de Carballo está en contacto permanente con colectivos con necesidades e problemáticas específicas, como as persoas con discapacidade visual ou motora ou os colectivos de ciclistas, para que todas as intervencións que se realizan no espazo urbano se axusten tamén ás súas necesidades. Nesa liña estase a traballar, ademais, no proceso de elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo urbano.

A participación veciñal é un dos piares do traballo que temos en marcha, xa que o fin último é dispoñer dun proxecto marco que, como resultado dese proceso de participación cidadá, permita establecer as medidas de intervención no espazo urbano, partindo das premisas de que as persoas sempre terán prioridade sobre os vehículos. “No seu momento empezamos a traballar dunha maneira un pouco intuitiva, vendo o que facían os demais e tratando de aprender desas experiencias previas, pero agora temos as cousas máis claras e queremos que Carballo teña o seu propio modelo de xestión do espazo público”, sinala a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que reitera o convite á cidadanía para facer chegar as súas propostas.

Compartir: