Inicio Carballo ao día Hemeroteca O centro social de Artes completa os...

NOS ORZAMENTOS DO 2018 FIGURAN OUTROS 570.000 EUROS PARA BÉRTOA E LEMA

O centro social de Artes completa os investimentos realizados con cargo aos orzamentos do 2017 en locais parroquiais

O Concello de Carballo investiu nun ano máis de 650.000 euros na construción, mellora e modernización de oito edificios de uso veciñal en sete parroquias

Luns 23 de xullo do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero, Luis Lamas e Belén Lendoiro, no centro social de Outón

Evencio Ferrero, Luis Lamas e Belén Lendoiro, no centro social de Outón

Fai un ano o Concello de Carballo tiña en construción o novo centro social de Ardaña e iniciaba os trámites para a contratación das obras de mellora doutros seis locais en cinco parroquias. Coincidindo coas vacacións escolares, tal como se acordara coa comunidade educativa e co consello parroquial, dado que comparte edificio coa escola unitaria, veñen de comezar as obras no centro social de Artes, que completa os investimentos realizados con cargo aos orzamentos do 2017. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, realizaron unha visita a algúns dos renovados locais.

As melloras en Artes afectan tanto ao interior coma ao exterior, e consisten, entre outras, nas seguintes actuacións:-Exterior                                         

  • Demolición da actual beirarrúa da fachada principal para colocar unha soleira de formigón de 15 centímetros de espesor.
-Fachadas e carpintería exterior:
  • Sistema de illamento térmico con placas de poliestireno expandido e revestimento con morteiro monocapa hidrófugo.
  • Substitución de toda a carpintería exterior por ventás abatibles de aluminio con rotura de ponte térmica.
  • Colocación de verteaugas de aluminio lacado nos ocos de ámbalas dúas plantas e de soleira de pedra de granito nas portas de acceso.
-Planta baixa:
  • Demolición do alicatado da cociña existente para a colocación de novo azulexo. 
  • Novo solado de baldosa gres.
  • Instalación de falso teito.
  • Renovación da instalación de fontanería e colocación de termo eléctrico.
  • Reforma e adaptación da instalación eléctrica e colocación de radiadores.
  • Renovación da instalación de protección contra incendios.
  • Pintado da totalidade do local         
  • Dotación de mobiliario e equipamento da cociña.
-Primeiro andar:
  • Ampliación e renovación dos aseos.
  • Ampliación do almacén.
  • Novo solado de baldosa de gres en almacén e aseo.
  • Subministro e colocación de tarima flotante en distribuidor e sala social.
  • Subministro e colocación de carpintería interior.
  • Renovación das instalacións de fontanería, electricidade e protección contra incendios.
  • Instalación de radiadores eléctricos.
  • Pintado da totalidade do local.        
  • Dotación de mobiliario e equipamento.
-Cuberta:
  • Retirada da actual cuberta de fibrocemento e construción dunha nova con tella.
  • Colocación de claraboia na cuberta.
  • Subministro e instalación de canlóns e baixantes.

Demandas do movemento asociativo

Centro social de Ardaña

Centro social de Ardaña

Coa renovación do centro social de Artes seguiremos ampliando e mellorando a rede de locais de uso veciñal nas parroquias. Con cargo aos orzamentos municipais do 2017 acometemos a construción dun moderno edificio en Ardaña, e atendemos noutros seis locais as demandas do movemento asociativo que utiliza e xestiona as instalacións municipais.

As actuacións leváronse a cabo en Entrecruces, Ramil e Outón (Rus), Sísamo e Oza. Mentres nos primeiros as reformas foron integrais, nos dous últimos fixéronse obras de ampliación: en Sísamo, para a construción dun almacén acaroado á escola, e en Oza, para conseguir un mellor aproveitamento do espazo dispoñible. O investimento acada os 333.721,98 euros, que se suman aos 313.333 do centro social de Ardaña e a unha pequena actuación realizada na antiga escola de Vilela, a petición do consello parroquial. Neste órgano de participación veciñal xurdiron tamén as peticións de Bértoa, Lema e Goiáns.

No primeiro caso, nos orzamentos deste ano figura unha partida de 390.000 euros para a construción dun novo edificio que se situará xunto á zona verde do polígono industrial. A veciñanza escolleu o emprazamento e tamén fixo as súas achegas ao proxecto que se lle presentou hai uns días. En Lema acometerase unha reforma integral da vella escola cun orzamento de 182.659,22 euros, que tamén está incluído nos orzamentos do 2018. O centro social de Goiáns está pendente da modificación urbanística precisa nos terreos que, por decisión veciñal, adquirirá a parroquia a medias co Concello de Carballo, como tamén se fixo noutros casos, como o de Ardaña. De feito, desde o goberno municipal mantense a mesma oferta en todas as parroquias para a adquisición ao 50% de solo destinado á creación de novos equipamentos veciñais.

Compartir: