Inicio Carballo ao día Hemeroteca O xefe do distrito forestal aclarou numerosas...

O xefe do distrito forestal aclarou numerosas dúbidas sobre a Lei de Prevención de Incendios nunha charla multitudinaria

Manuel Capón Domínguez apelou ao “sentido común” para evitar traxedias coma a que provocou hoxe mesmo decenas de mortes en Grecia

Martes 24 de xullo do 2018 Carballo ao día

Manuel Capón, xefe do distrito forestal, explicou o contido da lei

Manuel Capón, xefe do distrito forestal, explicou o contido da lei

Evitar traxedias coma a que hoxe mesmo provocou decenas de mortes en Grecia é o principal obxectivo da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais (3/2007), que obriga aos titulares de fincas a mantelas limpas e a abrir franxas de xestión de biomasa que garanta a seguridade das persoas e das edificacións. Só unhas horas antes, Manuel Capón Domínguez, xefe do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas, poñía como exemplo outra traxedia, a de Portugal do ano pasado, para intentar trasladar aos asistentes á charla informativa que se celebrou no Fórum Carballo a necesidade de respectar a lei, aínda que non se comparta na súa integridade.

O auditorio do Fórum quedou pequeno. Decenas de persoas tiveron que quedar de pé ou fóra por falta de espazo, mostra do interese e tamén da falta de información que existe ao respecto. Manuel Capón, que estivo acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, centrou a súa intervención en dúas cuestións: por unha banda, en explicar con detalle as distancias que deben cumprir as plantacións con respecto os distintos tipos de vías ou edificacións; por outra, en detallar o procedemento.

O técnico da Xunta estivo acompañado polo concelleiro Luis Lamas

O técnico da Xunta estivo acompañado polo concelleiro Luis Lamas

Con respecto á primeira, a información complementouse co reparto dun folleto informativo como o que aparece ao remate desta nova, no que se recollen graficamente as distancias que deben gardarse en cada caso. En Carballo debe terse en conta que estamos nunha zona de alto risco de incendios (non pola superficie queimada, senón pola reiteración de pequenos lumes), e que, polo tanto, as distancias redúcense nalgúns casos. Manuel Capón insistiu en que a lei non afecta a carballeiras consolidadas, árbores de froita, árbores ornamentais ou peches vexetais, senón que está pensada sobre todo para plantacións e repoboacións de eucalipto, piñeiros e acacias, que son, dixo, “as que propagan os incendios”.

Manuel Capón: “Sería imperdoable que tendo esa lei do 2007 houbera que esperar outros 10 anos e ter aquí unha traxedia coma a de Portugal”

A maiores das explicacións que recolle o folleto, Manuel Capón apuntou que no caso das vivendas illadas a distancia dos 50 metros de xestión da biomasa vexetal mídese desde o muro da edificación (tamén están afectados hórreos, alpendres ou calquera outra construción), mentres que nos núcleos mídese desde o límite do núcleo. “Estas son zonas para vivir ou para ter unha horta, pero non unha plantación”, apuntou. Se as edificacións están no monte, a lei aféctalles dun xeito diferente segundo sexan legais ou ilegais. Neste último caso estaría obrigado/a a facer a limpeza o/a dono/a da casa, non o do monte.

Procedemento sancionador

En canto ao procedemento en caso de incumprimento da lei, o xefe do distrito forestal apelou ao sentido común para non agardar a recibir a carta coa notificación, “porque igual despois non dá tempo”. Os/as propietarios/as dispoñen de 15 días de prazo desde a recepción do aviso para realizar a limpeza. “Se non se fai pódese recorrer á execución subsidiaria, e mesmo á poxa das árbores, incluso se pode expropiar a parcela ou, se hai un incendio, pasarlle ao dono os custes da extinción”, sinalou.

O auditorio do Fórum quedou pequeno

O auditorio do Fórum quedou pequeno

Para realizar a corta é preciso solicitar permiso na oficina da Consellería do Medio Rural, situada no edificio do Fórum. O permiso é gratuíto e unha vez concedido xa se pode realizar a tala. Recoñeceu que o proceso é complicado, polo que, segundo dixo, na propia oficina ofrecerase asesoramento e axuda para o papeleo. “Para rozar ou para cortar eucaliptos de tres ou catro anos non hai que pedir permiso”, engadiu.

Antes de entrar na quenda de preguntas, que prolongou a charla ata case as 22.00 horas, Manuel Capón destacou a necesidade de mentalizarse sobre a importancia de respectar a lei. “Sería imperdoable que tendo esa lei do 2007 houbera que esperar outros 10 anos e ter aquí unha traxedia coma a de Portugal”, declarou.



Galería

Compartir: