Inicio Carballo ao día Hemeroteca Recibido o primeiro aviso da temporada pola...

Recibido o primeiro aviso da temporada pola aparición dun niño secundario de avespa asiática

Este mes aumentou a actividade do servizo municipal de control de pragas, pero o número de niños segue sendo moi inferior ao do ano pasado por estas datas

Martes 24 de xullo do 2018 Carballo ao día

O servizo municipal de control de pragas estudará a evolución do niño durante uns días

O servizo municipal de control de pragas estudará a evolución do niño durante uns días

O servizo municipal de control de pragas recibiu esta semana o primeiro aviso da temporada pola aparición dun niño secundario de avespa asiática. Polo momento é un niño pequeno, pero dado o ritmo de traballo das obreiras, en poucos días o seu tamaño aumentará. Neste caso, grazas á colaboración dos propietarios da casa onde apareceu, o niño non será retirado inmediatamente, senón que se agardará uns días para ver a súa evolución e poder estudar o comportamento das avespas.

De feito, segundo os profesionais do servizo, este ano as velutinas están a cambiar o seu modus operandi. Por unha banda, as raíñas fixeron os niños primarios en lugares moito menos seleccionados que ata agora. “Xa non aparecen tanto en cornixas ou alpendres senón que os atopamos en calquera sitio: nunha pedra, nun valado...”, explica Isidro Rodríguez, responsable do control de pragas.  Semella que moitos niños aparecen no mesmo lugar onde as raíñas pasaron o inverno e que os secundarios están a construírse onde o ano pasado aparecían os primarios. Pero como non hai datos fiables ao respecto, de aí o interese por estudar a evolución deste primeiro niño secundario.

O feito de que as avespas aniñen en calquera sitio incrementa, por outra banda, o risco de picaduras. Neste sentido, desde o servizo municipal de control de pragas facemos un chamamento á precaución das persoas que traballan no campo ou no monte para que inspeccionen o lugar antes de poñerse mans á obra por se existe algún niño e tamén a observar se hai avespas voando pola zona, porque iso indicará que o niño está preto.

Neste mes de xullo incrementouse notablemente a presenza de avespas. Fronte aos 18 niños primarios localizados entre maio e xuño (9 cada mes), no que vai de xullo levamos 41. Aínda así, as cifras seguen moi lonxe do ano pasado, no que a estas alturas do ano xa levabamos retirados máis de 150 niños. Lembramos que as persoas que localicen algún poden dar aviso ao 112 ou ao 012.

Compartir: