Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os alcaldes de Carballo, A Laracha e Arteixo...

Os alcaldes de Carballo, A Laracha e Arteixo acordan co Igape o establecemento dun portelo único para ofrecer créditos e subvencións ás empresas

Hoxe reuníronse co secretario xeral do Igape, Pablo Casal, para potenciar o eixo industrial que forman os tres municipios

Martes 24 de xullo do 2018 Carballo ao día

Evencio Ferrero, José Manuel López e Carlos Calvelo

Evencio Ferrero, José Manuel López e Carlos Calvelo

Os alcaldes de Carballo, A Laracha e Arteixo _Evencio Ferrero, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo_ reuníronse hoxe co secretario xeral do Igape, Pablo Casal, co obxectivo de establecer un portelo único nos concellos onde os municipios poidan ofrecer ás empresas interesadas en instalarse no eixo industrial que forman os tres concellos unha serie de créditos e subvencións a través do Igape.

A estratexia compartida dos tres concellos perseguirá conectar ás empresas interesadas cos departamentos específicos para a captación de investidores, e ofreceralles tamén servizos de consultoría para que as empresas teñan á súa disposición un instrumento de comercialización de terreos industriais. O Igape, conxuntamente cos tres concellos, ofrecerá liñas de créditos ao 0% de interese como os denominadas Proxectos de Industria 4.0 ou subvencións directas como as do programa Galicia Inviste. Outra programa é o Galicia Emprende destinadas a Pemes e autónomos.

Esta iniciativa englóbase dentro das estratexias comúns que os municipios co apoio da Xunta de Galicia poden levar a cabo co fin de fortalecer o eixo industrial que forman os polígonos industriais dos tres municipios.

Outras medidas que tamén poderán en marcha os tres concellos pasan pola posibilidade de impulsar plans de formación conxuntos ou o a análise conxunta de infraestruturas como as enerxéticas. Esta análise permitiría ás empresas dos tres concellos beneficiarse de mellores tarifas enerxéticas, por exemplo.

Outra análise que realizaron os tres concellos pasa pola necesidade de posicionar aos polígonos industriais para mellorar a visibilidade como contorna atractiva para a consolidación de novos investimentos empresariais.

O eixo industrial dos tres municipios tamén persegue reforzar as súas aspiracións de investimento público fronte a outras administracións de nivel superior: o Estado ou a Unión Europea, por exemplo.

O Igape sinalou como unha estratexia moi afecuada que os concellos se agrupen á hora de buscar novas implantacións empresariais.

Compartir: