Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo reforza a...

O Concello de Carballo reforza a sinalización de tráfico e instala elementos redutores da velocidade nas áreas costeiras

Sinais verticais que prohiben circular a máis de 30 Km/hora , pasos de peóns elevados e coxín berlineses pretenden mellorar a seguridade viaria

Xoves 26 de xullo do 2018 Carballo ao día

Esta semana quedaron instalados os coxíns berlineses

Esta semana quedaron instalados os coxíns berlineses

A instalación de dous coxíns berlineses en Razo e catro en Imende (Noicela) completan as medidas adoptadas polo Concello de Carballo, a través da Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana, coa intención de mellorar a seguridade viaria nas áreas costeiras, que se converten nesta época do ano no destino de milleiros de persoas e nas que nos últimos tempos téñense detectado prácticas temerarias por parte dalgúns condutores.

No caso de Razo, entre as actuacións realizadas incluíuse tamén a colocación de sinais de prohibición de circular a máis de 30 quilómetros por hora e a construción de pasos de peóns elevados nas vías de acceso á praia. Para o goberno municipal de Carballo, a mellora da seguridade viaria é unha prioridade, e no caso concreto da estrada de Razo vense demandando desde hai anos que por parte da Deputación Provincial da Coruña, como titular da vía, se adopten as medidas necesarias para reducir a sinistralidade e facilitar a accesibilidade.

Na zona da praia está prohibido circular a máis de 30 Km/hora

Na zona da praia está prohibido circular a máis de 30 Km/hora

No último mandato, desde a Deputación téñense producido algúns avances na mellora da seguridade, con accións coma o reforzo da sinalización ao paso pola parroquia de Oza. Pero, consciente de que continúan a ser insuficientes, en maio do 2017 o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, enviou un novo escrito solicitando a instalación de redutores de velocidade en Arnados e nos accesos a Razo, así como a mellora da sinalización, e este mesmo ano, a raíz das demandas recollidas no Consello Parroquial de Oza, reiterouse a petición da instalación de pasos elevados no lugar de Encrucilladas.

Parte desas demandas veñen de ser asumidas polo Concello de Carballo nos treitos onde ten competencias para actuar.

Compartir: