Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Avenida de Bergantiños estará...

A Avenida de Bergantiños estará cortada a partir das 08.00 horas do luns para proceder á reparación da calzada

As obras de mellora das vías urbanas continuarán polas rúas Vila de Noia e Gran Vía

Venres 27 de xullo do 2018 Carballo ao día

Avenida de Bergantiños

Avenida de Bergantiños

A empresa Construcciones López Cao iniciará o luns a primeira hora as obras de reparación da Avenida de Bergantiños, incluídas no proxecto de mellora de 27 vías urbanas e 2 rotondas que está a acometer o Concello de Carballo cun orzamento de 77.984,50 euros.

Segundo informou a Policía Local, a Avenida de Bergantiños quedará cortada á circulación rodada o luns ás 08.00 horas. Tan só se permitirá o paso do tráfico pesado e das persoas residentes. Os desvíos estarán convenientemente sinalizados e haberá presenza policial na zona, ademais de atención telefónica constante ante calquera incidencia nos teléfonos 981 701 722 e 092.

Seguintes actuacións

Despois da actuación na Avenida de Bergantiños, as máquinas continuarán polas rúas Vila de Noia e Gran Vía. O proxecto inclúe actuacións de mantemento nun total de 7.731,50 metros de vías urbanas, que se dividen en tres bloques en función do tipo de actuación precisa. No 67% da superficie será necesario realizar un fresado ata unha profundidade determinada para despois proceder á reposición da capa de rodaxe. En Antón Fraguas e Pintor Colmeiro realizarase un dobre rego asfáltico, e na Avenida de Bergantiños aplicarase unha lechada bituminosa tanto na zona de rodaxe como na de aparcamento.

O proxecto abrangue as seguintes vías: Antón Fraguas, Pintor Colmeiro, Avenida de Bergantiños, Brasil, Carballo Calero, Cuba, Ecuador, Eduardo Pondal, Gran Vía, Julio Galán, Río Lérez, Río Eo, Río Miño, Río Tambre, San Xoán Bautista, San Martiño, Santa Eufemia, Perú, Uruguai, Vicente Risco, Vila de Caión, Vila de Negreira, Vila de Noia, Andrés Gaos, Bolivia, Escultor Asorey e Muíño da Pintura, e o perímetro das glorietas das rúas Sol e Perú.

Compartir: