Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo reforza a súa...

DO 2 AO 4 DE AGOSTO, "TI DÁS O TIPO”

O Concello de Carballo reforza a súa colaboración permanente con ADOS cunha campaña especial de doazón de sangue

O Servizo Municipal de Protección Civil e a Unidade de Salvamento Acuático apoian a iniciativa coa difusión de folletos informativos e mensaxes pola megafonía nas praias

Venres 27 de xullo do 2018 Carballo ao día

Ángeles Pazos, Evencio Ferrero e Javier Souto

Ángeles Pazos, Evencio Ferrero e Javier Souto

O verán é unha época crítica para as doazóns de sangue, e por iso, aínda que o Concello de Carballo colabora durante todo o ano coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nesta época reforza esa colaboración cunha campaña extraordinaria á que se suman o Servizo Municipal de Protección Civil e a Unidade de Salvamento Acuático. As praias convértense estes días nun altofalante para difundir, tanto a través da megafonía coma mediante o reparto de folletos informativos, que #tidásotipo. Porque todas e todos os maiores de 18 anos, como subliñou a responsable de comunicación de ADOS, Ángeles Pazos, durante a presentación da iniciativa, somos doadoras e doadores en potencia.

No acto estivo presente tamén o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, que convidou á cidadanía a pasar por calquera dos cinco postos sanitarios instalados este verán no litoral carballés para recoller os folletos informativos nos que se explican tanto as condicións como o proceso da doazón.

Evencio Ferrero: “Carballo sempre foi un concello solidario, e seguimos facendo o chamamento á solidariedade”

“Carballo sempre foi un concello solidario, e seguimos facendo o chamamento á solidariedade”, engadiu o alcalde, Evencio Ferrero, tras alertar sobre o aumento das necesidades de reservas de sangue que se rexistra nesta época do ano. Á solidariedade carballesa aludiu tamén Ángeles Pazos, que recalcou que o noso concello acadou o ano pasado un índice de 42 doazóns por cada 1.000 habitantes, cun total de 1.336 doazóns, superando deste xeito a media galega e cumprindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Para seguir mantendo ese bo índice convidámoste a participar nesta campaña extraordinaria, que se desenvolverá do 2 ao 4 de agosto. O xoves e o venres a unidade móbil estará instalada na Praza do Concello de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o sábado o horario será de 10.00 a 15.00.

Descargas

Compartir: