Inicio Carballo ao día Hemeroteca Continúa en aumento a actividade no...

Continúa en aumento a actividade no polígono industrial de Bértoa, no que está dispoñible pouco máis do 20% do solo

Na Xunta de Goberno Local de hoxe foron aprobados un novo proxecto empresarial e dúas licenzas para outras tantas naves sen uso específico

Luns 30 de xullo do 2018 Carballo ao día

Durante o verán non cesa a actividade no polígono industrial de Bértoa. Sen ir máis lonxe, este mes foron aprobados pola Xunta de Goberno Local un total de cinco proxectos empresariais, catro deles no parque empresarial e o quinto no lugar de Mirón. Este, en concreto, consiste na construción dunha edificación destinada a exposición e venda de automóbiles, cun orzamento de 117.624 euros. A licenza recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local na sesión de hoxe.

No polígono industrial, tras a aprobación a primeiros de mes da licenza para a construción dunha nave destinada á produción de aceite de microalgas, hoxe saíron adiante o proxecto de execución dunha nave que se usará para almacén de materiais e ferramentas para a construción, cun orzamento de 73.632 euros, e dúas licenzas para outras tantas naves sen actividade específica nas que se investirán 173.659 e 142.084 euros.

Este mes tamén foron adxudicadas por Xestur dúas novas parcelas no parque empresarial de Bértoa cunha superficie total de 5.882 metros cadrados. Nestes momentos só quedan dispoñibles 21 parcelas, cunha superficie total de 98.000 metros cadrados, o que supón pouco máis do 20% do total O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, sigue insistindo na necesidade de iniciar os trámites para a ampliación do polígono, porque é un proceso que leva o seu tempo. “Agora mesmo chega unha empresa que precise uns determinados metros e non pode implantarse en Bértoa porque quedan algo menos de 100.000 metros cadrados, pero en parcelas salpicadas”, argumenta.

Compartir: