Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal acorda solicitar...

PLENO ORDINARIO

A corporación municipal acorda solicitar á Deputación Provincial o acondicionamento da estrada Carballo-Razo

Aprobada por unanimidade unha declaración institucional na que se insta ao Goberno central a lexislar para evitar sentenzas como a de “La manada”

Martes 31 de xullo do 2018 Carballo ao día

A estrada de Razo foi o tema central do debate plenario

A estrada de Razo foi o tema central do debate plenario

A corporación municipal de Carballo comezou a sesión ordinaria de xullo cunha declaración institucional unánime ante a sentencia da Audiencia Provincial de Navarra no caso de “La Manada”. O pleno asumiu a postura da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e acordou instar ao Goberno central “a realizar os cambios lexislativos necesarios para impedir que circunstancias destas características poidan producirse sen a condena adecuada ao delito cometido”. O texto íntegro da declaración pode descargarse ao final desta nova.

Esta foi unha das poucas propostas que saíron adiante por unanimidade. O acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario e o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Carballo tamén foron aprobados, pero coa abstención de Terra Galega. Este grupo tamén se abstivo con respecto á modificación orzamentaria que permitirá financiar a adquisición dunha peza escultórica para substituír o cruceiro do cemiterio municipal derrubado por un temporal. O investimento acada os 21.175 euros.

Na outra modificación orzamentaria proposta, neste caso unha transferencia de 60.000 euros para actuacións vinculadas a melloras en edificios destinados a usos educativos, rexistrouse a segunda aprobación unánime da sesión. O obxectivo desta operación é acometer unha serie de melloras no bloque das antigas vivendas dos mestres que alberga a sede do Colexio Rural Agrupado (CRA) Ponte da Pedra e a sede da Cruz Vermella.

O tema central de debate na sesión celebrada este luns foi, de novo, unha moción sobre a estrada Carballo-Razo, nesta ocasión presentada por TeGa. A iniciativa incluía dúas propostas: a primeira, consistente en instar á Deputación de A Coruña, titular da vía, a que acondicione a mesma debido á perigosidade existente, foi aprobada coa abstención do PP. Na segunda, na que se instaba ao goberno municipal a financiar esas melloras con fondos municipais no caso de non facelo a Deputación, os populares volveron a absterse e o BNG votou en contra, polo que foi rexeitada.

No apartado de seguimento de órganos de goberno deuse conta do informe de morosidade correspondente ao último trimestre, segundo o cal o Concello de Carballo abona as facturas no día 1,23 do prazo legal establecido (30 días desde o recoñecemento da factura).

En canto aos rogos e preguntas, só TeGa os formulou. En concreto, un rogo para que se mellore a roza das vías municipais e preguntas relacionadas con cuestións coma as contratacións de auxiliares e inspector de policía, a skate-praza, o paseo do Anllóns ou a adquisición de terreos na zona da Cristina, entre outras.

Compartir: