Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inscritas 52 persoas para participar no proceso...

Inscritas 52 persoas para participar no proceso de selección do alumnado da primeira promoción da Escola de Hostalaría

O Concello de Carballo investirá case 100.000 euros ao ano para formar a 15 profesionais da cociña cun proxecto baseado na excelencia

Mércores 1 de agosto do 2018 Carballo ao día

A Escola de Hostalaría terá a súa sede no Fórum Carballo

A Escola de Hostalaría terá a súa sede no Fórum Carballo

Onte finalizou o prazo de inscrición para a Escola de Hostalaría do Concello de Carballo, e hai 52 candidatos/as a formar parte da primeira promoción de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e financiado exclusivamente con fondos municipais. Entre os/as aspirantes figuran unha parte das 36 persoas que aprobaron o primeiro e único exame celebrado no proceso anterior (algunhas renunciaron), e que agora só terán que realizar a entrevista e a proba práctica. As datas dos exames comunicaranse nas vindeiras semanas.

A Escola de Hostalaría será xestionada durante dous anos, con posibilidade de prórroga por un máis, pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro. O Concello de Carballo investirá cada curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos/as que integrarán cada promoción.

O curso terá unha duración total de 1.135 horas, previsiblemente comezará en setembro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas, que se realizarán nos meses de xullo e agosto.

Proceso de selección

Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Quedan exentos os/as aprobados/as no proceso anterior. Os/as novos/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán ao terceiro exame, de carácter práctico, que consistirá nunha proba de cociñado na que, nun tempo máximo de 90 minutos, deberán elaborar un prato partindo dun ingrediente común. O tribunal valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Para optar a unha das 15 prazas será preciso acadar un mínimo de 5 puntos sobre 10.

Compartir: