Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero asinou tres novos contratos de...

Evencio Ferrero asinou tres novos contratos de obras por un importe total próximo aos 800.000 euros

Os proxectos que se levarán a cabo son a pavimentación do núcleo do Rodo, a urbanización de dúas rúas en Pedra Furada e a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira

Venres 3 de agosto do 2018 Carballo ao día

Sinatura de contratos coa empresa Lancer

Sinatura de contratos coa empresa Lancer

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos correspondentes ás obras de pavimentación do núcleo do Rodo (Oza), urbanización de dúas rúas en Pedra Furada e instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira. O investimento total será de 796.133,53 euros.

A actuación máis cuantiosa é que a se levará a cabo na depuradora de augas residuais co obxectivo de evitar os atascos e avarías nos equipos de bombeo que se producen na actualidade debido a que carece de sistema de desbaste de grosos que evite a entrada, por exemplo, de toalliñas húmidas. Coa actuación prevista solucionarase esa carencia, facilitando o mantemento da EDAR, e ademais instalarase un sistema adicional de alarma no caso de desbordamento. O proxecto, adxudicado á empresa Lancer Proyectos y Obras por 464.056,30 euros, inclúe tamén melloras nas redes de abastecemento e saneamento da rúa Verdillo e das Labradas.

A mesma empresa acometerá as obras de reurbanización de dúas rúas na zona de Pedra Furada, financiadas con cargo ao plan POS+ Adicional 2017 con 145.737,23 euros. As obras, que teñen un prazo de execución de cinco semanas, permitirán acondicionar as rúas situadas entre Alcalde Peinador e Alcalde Bolón, por unha banda, e entre Alcalde Bolón e Alcalde Monteagudo, por outra. Son vías nas que practicamente non existe ningún servizo e mesmo están sen pavimentar.

Vázquez y Reino fará a pavimentación do Rodo

Vázquez y Reino fará a pavimentación do Rodo

O terceiro contrato que asinou hoxe o alcalde, por importe de 186.340 euros, foi o de pavimentación do núcleo do Rodo, que executará a empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino. O Rodo, na parroquia de Oza, é un núcleo tradicional que conserva en boa medida a súa tiploxía orixinal, e no que se realizará unha actuación semellante á que se levou a cabo en Cances Grande, e que suporá a pavimentación con cemento dun total de 8.885 metros cadrados de vías. Ademais, dado que no Rodo xa hai saneamento e haberá auga pública cando se execute o proxecto de abastecemento a Oza e Razo, xa se deixará lista  a canalización.

Compartir: