Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve Berocasión, que bate récords...

Volve Berocasión, que bate récords con 13 empresas participantes e máis de 400 vehículos á venda

A feira do vehículo de ocasión de Carballo, que xa arrancará o venres pola tarde, celebra a súa 13ª edición consolidada coma a máis importante de Galicia

Mércores 22 de agosto do 2018 Carballo ao día

Xa está aquí unha nova edición de Berocasión, e van 13. Pero neste caso non é un mal número, senón todo o contrario, porque a feira de vehículos de ocasión de Carballo bate récords tanto en número de participantes, cun total de 13 concesionarios e establecementos de compra-venda; coma en vehículos, con máis de 400, e mesmo en horario, posto que este ano xa abrirá as portas o venres á tarde. “Isto significa que se está collendo cada vez máis forza”, como apuntou Primitivo Reguera, representante dun dos concesionarios participantes, no acto de presentación que se celebrou hoxe na Casa do Concello. Xunto a el estiveron Óscar Deus, Ricardo Varela, Inés Pérez, José Manuel Balsa e José Antonio Velo, ademais do concelleiro Luis Lamas e da alcaldesa accidental, Belén Lendoiro.

Berocasión celebra a súa 13ª edición consolidada coma unha feira de referencia en Galicia, a máis importante das que se levan a cabo en espazos abertos. De feito, debido á elevada participación foi preciso reducir o número de unidades por expositor con respecto a anos anteriores, e ampliar o recinto, que novamente estará situado na zona do Rego da Balsa. “Se non fose polas limitacións de espazo chegaríamos aos 500 vehículos”, asegurou Ricardo Varela. Aínda así serán arredor de 420.

Automóviles Dimolk-Peugeot, Caeiro-Renault, J. Lema Multimarca, Miguel – Taller Cinco Multimarca, Rebalcars Multimarca, Vilas Rama – Citroën, V-Car, Chacar Multimarca, Balsacar Multimarca, JGCar, Garvi Automóviles, Grupo Breogán –Toyota e Bercauto son os 13 participantes. Nas súas exposicións atoparemos vehículos de Km.0, seminovo, industrial, mixto, de ocasión, nacional, de importación... En definitiva, unha ampla selección de todo o que ofrece o mercado da automoción nestes momentos, con importantes descontos e con condicións especiais de financiación.

Berocasión abrirá as súas portas o venres ás 16 horas, e tanto o sábado coma o domingo o servizo de atención ao público será ininterrompido desde as 10.00 ata as 21.00 horas

Se nos últimos anos se pecharon unha media de 46 operacións de venda en cada feira, os empresarios participantes agardan mellorar esa cifra nesta ocasión. A alcaldesa en funcións felicitou aos expositores e destacou o esforzo de organización dunha feira destas características, ademais de convidar “á xente de toda a comarca a que se achegue a Carballo esta fin de semana”. Luis Lamas, pola súa banda, animou ao sector a seguir apostando por Berocasión, e asegurou que o Concello “tamén seguirá colaborando”.

Berocasión abrirá as súas portas o venres ás 16 horas, e tanto o sábado coma o domingo, no que coincidirá coa feira tradicional, o servizo de atención ao público será ininterrompido desde as 10.00 ata as 21.00 horas.

Ligazóns



Galería

Compartir: