Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Río permanecerá...

A rúa Río permanecerá cortada ao tráfico a partir do luns 27 para proceder á súa renovación integral

As persoas residentes terán acceso aos garaxes a través da rúa Girona

Mércores 22 de agosto do 2018 Carballo ao día

O proxecto inclúe a renovación dos servizos e un novo tratamento en superficie

O proxecto inclúe a renovación dos servizos e un novo tratamento en superficie

O luns 27 de agosto arrancará outro dos proxectos que están transformando Carballo nunha vila máis accesible e con mellores servizos. Neste caso procederase á renovación integral da rúa Río, unha obra financiada con fondos do plan provincial POS+ 2017 e que será executada pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras S.L. cun orzamento de 156.582,18 euros.

Durante os tres meses establecidos para a execución dos traballos, a rúa Río permanecerá pechada ao tráfico desde o cruce con Fomento, aínda que as persoas residentes terán acceso aos seus garaxes a través da rúa Girona, tanto para entrar coma para saír. En función da execución das obras intentarase que o acceso estea habilitado tanto a primeira hora da mañá coma a última hora da tarde, e en calquera caso os cambios serán comunicados á veciñanza. Entre hoxe e mañá está previsto xa o reparto dunha primeira folla informativa.

Proxecto de mellora

A rúa Río, paralela á Fomento e moi próxima ao río Anllóns, presenta na actualidade numerosas carencias. A simple vista a que máis chama a atención son as beirarrúas, das máis estreitas de Carballo; pero debaixo da superficie as canalizacións de abastecemento de auga e saneamento son de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía son aéreas. Coa actuación prevista serán substituídas as redes de auga e saneamento, realizaranse as acometidas aos 24 solares da rúa, e tamén se canalizarán as pluviais. Ademais instalaranse soterradas as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas, e colocaranse 9 puntos de luz.

Polo que respecta ao tratamento en superficie, a rúa Río será semipeonil, en plataforma única, con distintos pavimentos de granito para a zona de circulación rodada e as peonís. Ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade peonil e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores e o axardinamento.

Compartir: