Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello asume o investimento preciso para...

O Concello asume o investimento preciso para acondicionar os vestiarios e aseos do ximnasio do CEIP Bergantiños

As obras, que teñen un orzamento próximo aos 40.000 euros, estarán listas para o comezo do curso

Venres 24 de agosto do 2018 Carballo ao día

As obras inclúen a instalación de novo falso teito

As obras inclúen a instalación de novo falso teito

A concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron as obras de reforma dos vestiarios e os aseos vinculados ao ximnasio do CEIP Bergantiños. Esta actuación constituía a principal demanda da comunidade educativa e quedará solucionada para que o curso escolar poida comezar con normalidade. O Concello de Carballo realizará un investimento de 39.780 euros.

Desde a comunidade educativa víñase reclamando desde hai tempo o acondicionamento das instalacións, que se atopaban en moi mal estado de conservación. Así lle foi solicitado en varias ocasión á Consellería de Educación, xa que as obras van máis alá da competencia municipal, pero finalmente, dado que a Xunta non realizou o investimento, e dada a necesidade de acometelo, o Concello de Carballo decidiu facerlle fronte con fondos propios.

Segundo se explica na memoria dos traballos, elaborada polos servizos técnicos municipais, parte do problema de deterioro das instalacións debíase ás humidades procedentes da cuberta. Unha vez que por parte da Consellería de Educación se solucionou este problema, o Concello de Carballo iniciou a renovación integral dos locais destinados a vestiarios e aseos.

Estas son as actuacións previstas

Mar Eirís e Luis Lamas, co construtor

Mar Eirís e Luis Lamas, co construtor

O proxecto inclúe a retirada dos aparatos sanitarios existentes, instalacións, falsos-teitos, carpinterías exteriores e interiores e demolición de parte da tabiquería, a construción das divisións para duchas e bancada de lavabos, novo falso-teito, reparación ou reposición de azulexos e pavimentos, colocación de novas ventás de aluminio, renovación da instalación eléctrica e a iluminación, así coma da fontanería e o saneamento, cambio das portas interiores, novos apartados sanitarios e pintado dos locais.

Ademais da adaptación dos vestiarios ás necesidades actuais, optouse por incluír varias medidas de mellora da eficiencia enerxética, como a substitución das ventás ou a instalación de iluminación led.

Desde o Concello de Carballo seguimos apostando pola educación como unha das áreas prioritarias da acción de goberno, e nese sentido estamos a actuar, mesmo máis alá das competencias municipais, para seguir mellorando os centros de ensino, e, polo tanto, a calidade da educación que reciben os nosos nenos e nenas.

Compartir: