Inicio Carballo ao día Hemeroteca A licitación das obras de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

A licitación das obras de reurbanización da rúa Barcelona completa os proxectos do Plan Único POS+ 2018

As sete actuacións que se levarán a cabo cos fondos provinciais suporán un investimento de 1,2 millóns de euros

Luns 27 de agosto do 2018 Carballo ao día

Rúa Barcelona

Rúa Barcelona

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe o expediente de contratación das obras de reurbanización da rúa Barcelona e un treito da Luis Calvo, o último dos sete proxectos que se acometerán este ano con cargo ao Plan Único POS+ e que ten un orzamento de 422.907,44 euros.

A actuación ten coma finalidade a mellora da accesibilidade e da estética, pero tamén dos servizos urbanísticos. De feito, na rúa Barcelona renovarase a rede de auga, xa que a actual é de fibrocemento, procederase á separación de pluviais e residuais con novas conducións, a rede eléctrica será soterrada, a de gas ampliarase, as de telecomunicacións unificaranse e ademais colocarase unha rede de rego para as novas zonas axardinadas. No ámbito da Luis Calvo tamén se instalarán, renovarán ou soterrarán os servizos en función das necesidades.

Rúa Luis Calvo

Rúa Luis Calvo

Polo que respecta á superficie, a rúa Barcelona terá un tratamento residencial semellante ao doutras rúas da contorna, coma Ponte, con amplas beirarrúas a ámbolos dous lados, dotadas con mobiliario urbano e árbores de crecemento lento; un carril de circulación de sentido único e aparcamento en liña en ámbalas marxes regulado con zona azul, así coma unha zona de carga e descarga.

Na rúa Luis Calvo, debido á alta densidade de circulación que soporta, manteranse distintos niveis entre a calzada e as beirarrúas, que serán ampliadas en función do espazo dispoñible. A vía contará con dous carrís de circulación, e haberá aparcamentos en liña en dous treitos.

Seis proxectos máis

Os outros seis proxectos do POS+ 2018 están xa pendentes de contratación. O día 22 pechou o prazo para a presentación de ofertas, un trámite que, por primeira vez, foi preciso facer de maneira electrónica na súa totalidade a través da Plataforma de Contratos do Estado.

As obras son as seguintes:

  • Conservación e rehabilitación do Museo de Bergantiños e Biblioteca Municipal: 190.000 euros. Presentáronse dúas empresas.
  • Soterramento de liñas aéreas na contorna do Igrexario de Rus: 36.811 euros. Presentáronse 3 empresas.
  • Mellora da capa de rodadura na vía municipal do Igrexario de Lema ata A Vixía: 199.948 euros. Presentáronse 5 empresas.
  • Mellora da capa de rodadura na vía municipal desde o lugar da Ponte (Bértoa) ata O Moucho (Berdillo): 178.789,05 euros. Presentáronse 4 empresas.
  • Mellora da capa de rodadura na vía municipal desde Bolón á Gándara (Sofán): 85.852,35 euros. Presentáronse 3 empresas.
  • Mellora da capa de rodadura na vía municipal desde o lugar de Mirón (Bértoa) ata a estrada DP-1902 Carballo-Razo: 104.760,13 euros. Presentáronse 3 empresas.

Outros acordos da Xunta de Goberno

En materia de contratación tamén se iniciou na xuntanza de hoxe o expediente de contratación dun subministro de tractor e desbrozadora de brazo, cun orzamento de 85.000 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a concesión de subvencións deportivas e varias licenzas urbanísticas, entre elas a de primeira ocupación dunha residencia canina no Añón de Bértoa. Fóra da orde do día deu luz verde á licencia para a construción dunha sala de caldeiras e silo de biomasa na residencia de maiores da rúa Mirtos e á solicitude dunha subvención, por importe de 24.425,45 euros, para o desenvolvemento de programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores a cargo.

Compartir: