Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo volverá a acoller un obradoiro de...

Carballo volverá a acoller un obradoiro de carpintería para mozos e mozas inscritos/as no Sistema de Garantía Xuvenil

Ademais de aprender un oficio, os/as participantes fabricarán o mobiliario urbano para completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum

Martes 28 de agosto do 2018 Carballo ao día

Imaxe do obradoiro anterior na nave de carpintería do Fórum Carballo

Imaxe do obradoiro anterior na nave de carpintería do Fórum Carballo

Despois dos bos resultados da primeira experiencia, o Concello de Carballo volve a apostar pola formación de mozas e mozos inscritas/os no Sistema de Garantía Xuvenil a través dun obradoiro específico que se sumará ao resto das accións formativas previstas para o inminente curso 2018-19 no Fórum. A Consellería de Economía vén de aprobar o proxecto presentado pola Concellaría de Promoción Económica para a formación de 12 alumnos/as menores de 30 anos na especialidade de carpintería.

Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante seis meses, polo que percibirán un salario durante a súa participación no obradoiro. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. O orzamento do obradoiro de emprego acada os 137.696,80 euros. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer as datas de inscrición.

Neste caso, a traballo específico que levará a cabo o alumnado consistirá na fabricación do mobiliario urbano para completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo, que se acometerá con cargo ao superávit do ano pasado, cun orzamento de 464.832,29 euros. Os/as alumnos/as construirán  bancos, pérgolas e xardineiras, entre outro mobiliario, para as rúas Xílgaro e Luís Braille.

“Con estes programas –sinalan desde a Xunta- búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais”.

Compartir: