Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Educación completa...

A Concellaría de Educación completa a renovación das ventás do edificio das escolas de Cances

O Concello de Carballo aproveita as vacacións de verán para atender as peticións realizadas polas comunidades educativas

Martes 28 de agosto do 2018 Carballo ao día

A concelleira Mar Eirís visitou as obras nas escolas de Cances

A concelleira Mar Eirís visitou as obras nas escolas de Cances

A concelleira de Educación, Mar Eirís, recolle todos os anos a fin de curso as peticións de arranxos, melloras ou investimentos en todos os colexios e escolas unitarias. Hainas de todo tipo, desde pequenas actuacións de electricidade, fontanería ou limpeza, ata obras de máis envergadura como o cambio de ventás. Esta é, de feito, unha das demandas máis recorrentes, xa que os edificios teñen certa antigüidade. Por iso, desde a área municipal de Educación estase acometendo progresivamente, e en función da dispoñibilidade orzamentaria, a substitución dos pechamentos exteriores dos edificios que o precisen.

O curso pasado, por exemplo, renováronse 14 ventás do CEIP Bergantiños e todas as dun dos edificios das escolas de Cances. Agora estanse a colocar as que faltaban, na planta baixa dun edificio anexo ás aulas que é utilizado tanto polo alumnado coma pola Asociación Cultural San Campio. As obras están practicamente rematadas, como puido comprobar a concelleira nunha visita ás escolas.

A actuación de máis envergadura que se está levando a cabo aproveitando as vacacións de verán é a reforma dos vestiarios e os aseos vinculados ao ximnasio do CEIP Bergantiños, que constituía a principal demanda da comunidade educativa, e na que estamos a realizar un investimento de 39.780 euros.

Pero ademais das necesidades concretas de cada centro, desde o departamento que dirixe Mar Eirís aténdense outras que afectan a todos, como os controis periódicos da calidade da auga, a limpeza dos areeiros ou as accións de desinfección, desinsectación e desratización, que tamén se están realizando nestas datas previas ao comezo do curso.

Compartir: