Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local implanta un sistema...

A Policía Local implanta un sistema informático de xestión integral adaptado ao novo regulamento de protección de datos

Desde a contratación do programa, en maio do 2017, realizouse a formación dos axentes e procedeuse á configuración do sistema para a súa posta en marcha

Xoves 30 de agosto do 2018 Carballo ao día

O sistema de traballo da Policía Local de Carballo cambiará substancialmente a partir do luns coa implantación do programa informático de xestión integral Appolo, utilizado xa con éxito en numerosos concellos e que obtivo a máxima puntuación das aplicacións presentadas nunhas xornadas celebradas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Agora chega ao noso concello para facilitar e axilizar o labor policial, aínda que o proceso para a súa implantación xa comezou coa sinatura do contrato en maio do ano 2017. Nestes 16 meses procedeuse á formación dos axentes, á configuración do sistema e á introdución de todos os datos existentes nas aplicacións que se viñan utilizando ata o momento. Agora xa está todo listo, e, como sinala a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, “a partir da primeira semana de setembro, e agardando que a posta en funcionamento sexa correcta, iniciaremos o proceso con este sistema común e único de traballo para todos e todas”.

O Appolo presenta moitas vantaxes con respecto aos sistemas anteriores. Estas son algunhas delas:

  • Pode realizarse a xestión de avisos, ordes de servizo, partes, atestados e denuncias coa mesma aplicación, así coma a tramitación electrónica de documentos e expedientes.
  • O Appolo está conectado coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e outros servizos públicos, e tamén permite a comunicación entre as distintas policías locais.
  • Facilita a xestión de quendas de traballo e cuadrantes, así coma a xeolocalización dos/as axentes.
  • Permite a mobilidade web grazas a que os/as axentes estarán equipados cun smartphone no que levarán instalada a aplicación para poder operar desde calquera lugar, así coma unha pequena impresora conectada por bluethooth.

Outro dos aspectos relevantes é que este novo sistema xa está adaptado ao Regulamento Xeral de Protección de Datos que entrou en vigor o 25 de maio pasado e que é de obrigado cumprimento para a Administración Pública, como sinala a concelleira. Milagros Lantes agarda que os posibles desaxustes derivados da estrea poidan solucionarse sen problemas. A maiores, para os vindeiros días está previsto un novo programa formativo para os/as axentes.

Compartir: