Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Programa Concilia empezará a funcionar o...

O Programa Concilia empezará a funcionar o luns 3 de setembro con 185 usuarios/as de tres colexios

O servizo de conciliación ofrecido desde a Concellaría de Igualdade e Benestar chega este curso ao CEIP Gándara-Sofán, que se suma ao Fogar e o Bergantiños

Venres 31 de agosto do 2018 Carballo ao día

O luns 3 de setembro empeza a funcionar o Programa Concilia, no que este curso contaremos con 185 usuarios/as diarios en tres colexios do concello: Fogar, Bergantiños e, por primeira vez, Gándara-Sofán. Deste xeito, o servizo medra en ámbito xeográfico, pero tamén en horario, xa que a hora de inicio adiántase ás sete da mañá para as familias que o precisen.

O Programa Concilia é, de feito, unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e consiste en recoller aos nenos e nenas a primeira hora da mañá no seu centro escolar para responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e os laborais. Deste xeito, os/as participantes reciben atención especializada ata a hora de comezo das clases, desenvolven actividades de ocio e tempo libre, e ademais existe un servizo de almorzo opcional. Durante os períodos vacacionais tamén se ofrece a posibilidade de continuar co servizo para os/as usuarios/as fixos/as.

A partir do 15 de setembro habilitarase outro prazo para as incorporacións que se produzan a partir de outubro, pero, tal como lembra a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, “o prazo está aberto durante todo o ano” para dar resposta ás necesidades que poidan xurdir. A maiores, as familias teñen a oportunidade de utilizar os servizos do Programa Concilia de maneira puntual en días soltos.

Compartir: