Inicio Carballo ao día Hemeroteca O 7 de setembro arrancará o proceso de...

CONSULTA AQUÍ A LISTAXE DEFINITIVA DE ASPIRANTES

O 7 de setembro arrancará o proceso de selección do alumnado da primeira promoción da Escola de Hostalaría

Os/as 11 candidatos/as que aprobaron na convocatoria do ano pasado non terán que realizar a primeira proba e accederán directamente á segunda

Venres 31 de agosto do 2018 Carballo ao día

Os/as aspirantes que superaran a primeira proba na convocatoria anterior pasarán directamente á entrevista

Os/as aspirantes que superaran a primeira proba na convocatoria anterior pasarán directamente á entrevista

O venres 7 de setembro empezará o proceso de selección dos/as 15 alumnos/as que integrarán a primeira promoción da Escola de Hostalaría do Concello de Carballo. Os/as aspirantes (a listaxe definitiva de admitidos/as está dispoñible ao final desta nova) están convocados/as para as 10.00 horas no auditorio do Fórum Carballo, onde se celebrará a primeira proba, de tipo test, co obxectivo de avaliar os seus coñecementos teóricos. Ese mesmo día, a partir das 14.00 horas, xa se fará pública a través desta páxina web e no taboleiro do Fórum Carballo o listado provisional de aprobados/as, xunto coa data e a hora do segundo exercicio.

Para o primeiro exame están citadas 28 persoas. Outras 11 están exentas, ao tratarse de candidatos/as que xa se presentaron á convocatoria do ano pasado e aprobaron o exercicio teórico. Estas 11 persoas accederán directamente, tal como figura nas bases, á segunda proba, que consistirá nunha entrevista.

Proceso de selección

Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Quedan exentos os/as aprobados/as no proceso anterior. Os/as novos/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán ao terceiro exame, de carácter práctico, que consistirá nunha proba de cociñado na que, nun tempo máximo de 90 minutos, deberán elaborar un prato partindo dun ingrediente común. O tribunal valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Para optar a unha das 15 prazas será preciso acadar un mínimo de 5 puntos sobre 10.

Proxecto formativo

Instalacións da Escola de Hostalaría no Fórum Carballo

Instalacións da Escola de Hostalaría no Fórum Carballo

A Escola de Hostalaría será xestionada durante dous anos, con posibilidade de prórroga por un máis, pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro. O Concello de Carballo investirá cada curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos/as que integrarán cada promoción.

O curso terá unha duración total de 1.135 horas, previsiblemente comezará en setembro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas, que se realizarán nos meses de xullo e agosto.

Descargas

Compartir: