Inicio Carballo ao día Hemeroteca En agosto disparáronse os avisos ao...

En agosto disparáronse os avisos ao servizo municipal de control de pragas para a retirada de niños de avespa velutina

Máis do 60% dos niños retirados no que vai de ano apareceron o mes pasado

Luns 3 de setembro do 2018 Carballo ao día

Para eliminar este niño de Vista Alegre (Bértoa) foi preciso usar a grúa

Para eliminar este niño de Vista Alegre (Bértoa) foi preciso usar a grúa

Dos 219 niños de avespa asiática que leva retirados este ano o servizo municipal de control de pragas, 139 apareceron no mes de agosto, superando así o 60% do total acumulado. As parroquias costeiras, o casco urbano e Sofán foron os puntos negros dun mes con moitísima actividade, xa que, aínda que a media foi de pouco máis de catro avisos ao día, houbo xornadas nas que se recibiron ata 12 avisos. Aínda así, conseguimos manter o tempo de resposta en 24-48 horas na totalidade dos casos.

Todos os niños localizados en agosto eran secundarios e algúns deles estaban situados en grandes árbores, a moita altura, o que obrigou a utilizar a grúa en varias ocasións. Pero incluso se deu un caso no que non foi posible retirar o niño por atoparse nun lugar inalcanzable.

En agosto reforzáronse as medidas de protección dos servizos municipais

En agosto reforzáronse as medidas de protección dos servizos municipais

Os teléfonos de aviso continúan operativos. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao servizo municipal de control de pragas, pioneiro en Galicia. Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras.

Toma nota!

  • Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras. 
  • Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  • No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Compartir: