Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada por unanimidade a desafectación...

PLENO ORDINARIO

Aprobada por unanimidade a desafectación das antigas vivendas dos mestres para crear un espazo solidario

A corporación municipal tamén formalizou a cesión dos terreos que ocupa o parque de bombeiros ao Consorcio Provincial Contraincendios

Martes 4 de setembro do 2018 Carballo ao día

Antigas vivendas dos mestres

Antigas vivendas dos mestres

Media hora foi suficiente para adoptar, por unanimidade, dous acordos administrativos que fan posible a existencia de entidades que prestan un gran servizo á sociedade. Por unha banda, a corporación municipal formalizou a cesión do solo ocupado polo parque de bombeiros; por outra, puxo fin ao proceso de desafectación das antigas vivendas de mestres, que serán reconvertidas nun espazo solidario. O pleno celebrou este luns a sesión correspondente ao mes de agosto con dúas ausencias, a do nacionalista Xosé Regueira e a do popular Cristian Puente.

A cesión dos terreos do parque de bombeiros ao Consorcio Provincial Contraincendios supón a conclusión dun expediente iniciado no ano 1998. Naquel momento realizouse, na práctica, a cesión dos 8.256 metros cadrados nos que se sitúan o parque de bombeiros, o edificio de Protección Civil e a sede do Consorcio, no polígono industrial de Bértoa, pero non se formalizara ata agora. Segundo o acordo adoptado, a parcela debe ter o mesmo destino durante 30 anos, pois do contrario revertería ao Concello de Carballo de novo.

Polo que respecta ás vivendas dos mestres, situadas nunha parcela de 2.217 metros cadrados na rúa Vázquez de Parga, a intención do Concello de Carballo é converter unha parte dese complexo nun espazo solidario no que teñan cabida, ademais da Cruz Vermella e Vieiro, que xa o utilizan desde hai anos, outras entidades que traballan no eido social. O complexo está integrado por 4 bloques de seis vivendas cada un, cunha edificación total de 2.290 metros cadrados.

As vivendas que ocupan as citadas entidades foran desafectadas xa nos anos 1996 e 2006, xunto coa utilizada como sede do CRA Ponte da Pedra, na que o Concello de Carballo vai acometer en breve, entre outras melloras, a renovación do tellado. Unha vez formalizada a desafectación das demais, o Concello de Carballo xa será titular de todo o complexo e poderá realizar as actuacións precisas para darlle o uso social previsto.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse polo mantemento do parque do Rego da Balsa, o proxecto para mellorar a seguridade nos pasos de peóns e a reposición de alumeado na zona rural. TeGa presentou un rogo para que desde o Concello de Carballo se tramite “ante a administración competente”, neste caso a Xunta de Galicia, a demolición da antiga cámara agraria, que está en situación de abandono. As súas preguntas referíronse a varias obras, entre elas a reurbanización da contorna do CEIP A Cristina, a skate-praza ou os asfaltados de rúas; así coma ao proceso de selección dun inspector de policía e á implantación do programa informático Appolo para a xestión policial.

Compartir: