Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciado o expediente de contratación do...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Iniciado o expediente de contratación do proxecto da rede de abastecemento de auga a Oza e Razo

A obra máis importante do 2018 ten un orzamento de 1,7 millóns de euros e será financiada de forma íntegra con fondos municipais

Luns 10 de setembro do 2018 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión de hoxe o inicio do expediente de contratación das obras de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, cun orzamento de 1.699.912,75 euros que serán financiados na súa totalidade con fondos municipais. Non só será o investimento unitario máis importante do ano, senón tamén o máis cuantioso realizado nunca polo Concello de Carballo sen axuda doutras administracións.

O procedemento que agora arranca foi longo debido á necesidade de contar cos informes sectoriais preceptivos do Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, a Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas e Vivenda), e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) polas distintas afeccións que puidesen ter as obras.

A rede de abastecemento arrancará do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Neste punto conectará coa rede existente e quedará preparada a futura conexión para estender o servizo á parroquia de Cances. Xa na parroquia de Razo, en Vilar de Cidre está en execución neste momento a rede de saneamento, e dentro desa obra inclúese como mellora a instalación das canalizacións para o abastecemento. Do mesmo xeito, o núcleo de Nétoma quedou preparado para recibir o servizo cando se realizaron as obras de pavimentación. A rede estenderase a toda a zona de Arnados _da que partirá a conexión principal para o futuro subministro traída a Lema, Noicela e Rebordelos_ así como a Razo da Costa e Santa Mariña.

Outros asuntos

Sede da AGAT

Sede da AGAT

Na sesión de hoxe tamén se adoptaron, entre outros, os seguintes acordos:

  • Adhesión do Concello de Carballo ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
  • Enaxenación de dúas fincas de titularidade municipal en proindiviso cos legatarios e herdeiros de Joaquín Tuñas Mourelle, situadas no concello de Santa Comba, polas cantidades de 650,16 e 1.015,46 euros. Na adopción do acordo tense en conta que o Concello de Carballo é propietario dunha parte moi reducida, que a enaxenación realízase a favor doutro dos copropietarios e que non só é imposible a explotación económica das parcelas, senón que incluso traen problemas xurídicos difíciles de resolver por atoparse noutro municipio.
  • Autorización demanial á Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para a utilización dun local no antigo ambulatorio durante dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais. Desde o Concello de Carballo valórase positivamente o servizo que presta a asociación, cuxa finalidade é a asistencia a nenos e nenas con discapacidades ou risco de padecelos, así como o apoio ás súas familias.
  • Licenza de obra para o acondicionamento dunha parcela de 1.930 metros cadrados no polígono industrial de Bértoa para destinala a aparcadoiro. No parque empresarial tamén se aprobou a licenza de primeira ocupación dunha nave destinada a exposición, venda e aluguer de vehículos e estacionamento de autocaravanas.
  • En materia de contratación, ademais do abastecemento de auga a Oza e Razo aprobouse o expediente para o subministro dun vehículo autobomba contraincendios para o servizo municipal de Protección Civil, cun orzamento de 225.000 euros.
  • Fóra da orde do día foron aprobadas tamén a transmisión dunha licenza de taxi, facturas por importe de 133.403,36 euros, as bases da convocatoria de subvencións ás ANPA e a licenza de construción dun centro de almacenamento e distribución de envases de gases licuados de petróleo GLP no polígono de Bértoa.

Compartir: