Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza o curso para o alumnado da Escola...

Comeza o curso para o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría cun programa formativo propio baseado na calidade

O alumnado do obradoiro de emprego de garantía xuvenil tamén se incorpora ao taller de carpintería do Fórum Carballo

Xoves 27 de setembro do 2018 Carballo ao día

Fernando Agrasar dando instrucións durante a proba de cociñado

Fernando Agrasar dando instrucións durante a proba de cociñado

Unha vez publicada a listaxe definitiva, os/as 15 alumnos/as que integrarán a primeira promoción da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo están convocados/as para mañá venres para a presentación do curso. Tras unha primeira toma de contacto no auditorio do Fórum Carballo, a media mañá xa se “instalarán” na cociña, un medio que xa coñecen despois de superar hai xusto unha semana a terceira proba do proceso selectivo, un masterchef que puxo a proba as súas habilidades. Agora inician un curso completo de formación para converterse en profesionais da cociña cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e baseado na calidade.

Da formación encargarase o equipo profesional formado polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, posuidor dunha Estrella Michelin, e o seu compañeiro de fogóns José Manuel Martínez Diéguez, entre outros profesionais de prestixio que acudirán ao Fórum Carballo para masterclasses ou materias específicas, xa que o obxectivo é ofrecer unha formación moi práctica.  Con esa intención, o Concello de Carballo vai destinar nos vindeiros dous anos preto de 200.000 euros á formación de 30 persoas, 15 por curso, cuns parámetros de calidade moi altos.

Obradoiro de emprego

Imaxe de arquivo do anterior obradoiro

Imaxe de arquivo do anterior obradoiro

Para mañá venres tamén está prevista a presentación do obradoiro de emprego de garantía xuvenil que se encargará de fabricar o mobiliario urbano para completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo. O alumnado construirá bancos, pérgolas e xardineiras para as rúas Xílgaro e Luís Braille, que serán obxecto dunha reforma integral con cargo a unha partida de 464.832 euros procedentes do superávit do ano pasado.

Despois dos bos resultados da primeira experiencia, que se desenvolveu o curso pasado, o Concello de Carballo volve a apostar pola formación de mozas e mozos inscritas/os no Sistema de Garantía Xuvenil a través dun obradoiro específico que se sumará ao resto das accións formativas previstas para o inminente curso 2018-19 no Fórum. A Consellería de Economía aprobou  o proxecto presentado pola Concellaría de Promoción Económica para a formación de 12 alumnos/as menores de 30 anos na especialidade de carpintería.

Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante seis meses, polo que percibirán un salario durante a súa participación no obradoiro. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. O orzamento do obradoiro de emprego acada os 137.696,80 euros.

Hoxe mesmo fíxose pública a composición do equipo directivo e docente, que estará encabezado por Estrella Mar Señarís Castro, como directora; María Pilar Castro Caamaño, mestra de ensino, e Jesús Puente García, que repite como mestre de carpintería e moble.

Compartir: