Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Terceira Idade volve a...

A Concellaría de Terceira Idade volve a levar o baile ás parroquias con música en directo todos os domingos de outubro

A primeira sesión, que estará amenizada polo Dúo Marineda, será este domingo no centro social de Imende

Venres 28 de setembro do 2018 Carballo ao día

Imaxe de arquivo do último baile no centro social de Cances

Imaxe de arquivo do último baile no centro social de Cances

Despois da excelente acollida que tivo a iniciativa o ano pasado, a Concellaría de Terceira Idade volve a levar o baile ás parroquias. Cada domingo do mes de outubro haberá música en directo nalgún dos centros sociais distribuídos por todo o territorio. O primeiro será o de Imende, na parroquia de Noicela, onde este domingo actuará o Dúo Marineda desde as 18 ata as 21 horas.

O mesmo conxunto e co mesmo horario actuará o día 14 no centro social de Cances, o 21 no de Oza e o 28 no de Sofán. O día 7 o baile será no centro social de Verdillo e actuará o Dúo Sintonía da Coruña. En total, cinco sesións de música en directo e baile coas que tamén se pretenden fomentar as relacións entre a veciñanza das 18 parroquias do noso concello. De cara ao vindeiro ano está previsto seguir estendendo a iniciativa a outros lugares.



Galería

Compartir: