Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezou o curso para o alumnado da Escola...

Comezou o curso para o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría e do obradoiro de emprego de carpintería

Os concelleiros Milagros Lantes e Marcos Trigo deron a benvida ás 27 persoas que formaremos no Fórum Carballo co obxectivo de acadar a súa inserción laboral

Venres 28 de setembro do 2018 Carballo ao día

Presentación da Escola Municipal de Hostalaría

Presentación da Escola Municipal de Hostalaría

A nave 4 do Fórum Carballo está a tope. Ademais do curso de prevención de riscos laborais no sector da albanelería que se está a impartir nunha das aulas, hoxe arrancaron dous novos e importantes proxectos formativos que pretenden facilitar ás 27 persoas que participan neles a súa inserción laboral e que van ter ocupados, ademais das aulas de estudo do segundo andar, os talleres da planta baixa e da primeira.

Os concelleiros Milagros Lantes e Marcos Trigo deron a benvida aos 15 alumnos/as que integran a primeira promoción da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo. O director da escola, Fernando Agrasar, e o seu compañeiro de docencia José Manuel Martínez Diéguez, realizaron unha breve presentación do curso que teñen por diante e aclararon as dúbidas propias do primeiro día. Pero o obxectivo fundamental desta primeira toma de contacto foi amosarlles as instalacións e tomarlles as medidas para os uniformes que empezarán a utilizar a partir da vindeira semana. O luns toca limpeza a fondo e o martes, a traballar xa nos fogóns.

De feito, Fernando Agrasar será un dos poñentes de San Sebastián Gastronomika, o vindeiro 9 de outubro, e quere que o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo participe na elaboración do prato que presentará.

Alumnado do obradoiro de emprego, docentes e persoal municipal

Alumnado do obradoiro de emprego, docentes e persoal municipal

Mentres na Escola Municipal de Hostalaría a maioría do alumnado é feminino (12 mulleres e 3 homes), no obradoiro de emprego de carpintería, que tamén botou a andar hoxe, ocorre xustamente o contrario. Só 1 dos 12 menores de 30 anos que participan neste proxecto formativo é muller.

Hoxe tamén lles tomaron as medidas para os uniformes e coñeceron a nave na que se desenvolverá a maior parte da formación. Jesús Puente García repite coma mestre de carpintería e moble, nesta ocasión para dirixir a fabricación do mobiliario urbano da contorna do Fórum Carballo. O monitor ensinoulles as instalacións e a maquinaria, absolutamente descoñecida para algúns dos participantes, durante unha breve visita na que tamén participaron a directora do obradoiro, Estrella Mar Señarís, e a mestra María Pilar Castro, que os preparará para obter o graduado en ESO, xa que a maioría carecen del.

Compartir: