Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo municipal Carballo Limpo é...

O servizo municipal Carballo Limpo é valorado cun notable alto por parte do comercio local

Unha enquisa a pé de rúa revela un alto grao de coñecemento de todos os servizos de limpeza e xestión dos residuos agás do punto limpo móbil

Martes 2 de outubro do 2018 Carballo ao día

Un 8% dos enquisados piden que se laven os colectores con máis frecuencia

Un 8% dos enquisados piden que se laven os colectores con máis frecuencia

Unha enquisa realizada a 50 comerciantes pon de manifesto a excelente valoración de Carballo Limpo, que acada unha puntuación de 8,4 sobre 10. O servizo de recollida de lixo obtén a valoración máis alta, cun 8,6, e a limpeza viaria logra un 7,84. En xeral, todos os servizos obteñen un notable alto, tanto en coñecemento coma en funcionamento, agás o punto limpo.

Aínda que o 56% das persoas consultadas coñecen o punto limpo situado no polígono industrial de Bértoa, o 80% non sabían da existencia do punto limpo móbil. Nese sentido, hoxe mesmo arrancou unha campaña informativa coa que intentaremos superar esa eiva e fomentar a utilización dun servizo gratuíto que facilita a recollida de todos os residuos que non poden ser depositados nos colectores situados nas rúas, contribuíndo así á xestión axeitada de voluminosos, cascallos, mobles ou materiais tóxicos, entre outros, e evitando os vertedoiros incontrolados.

A recollida de cartón pregado porta a porta, que é un servizo específico para o comercio, obtén un 8,44 de nota media, a mesma que o horario establecido. Pero tamén hai queixas, sobre todo nas rúas Coruña, Hórreo e Desiderio Varela, non polo servizo en si mesmo senón porque ás veces o cartón é utilizado polos nenos e nenas para xogar e queda estrado pola rúa, sen recoller.

Os problemas co cartón constitúen a principal queixa dos comerciantes xunto coas deposicións dos cans. Tanto nun caso coma noutro, por parte das persoas enquisadas proponse a aplicación de sancións. A maiores hai outras propostas puntuais coma a limpeza de beirarrúas ou de contedores máis a miúdo ou a colocación de papeleiras. As enquisas realizáronse en distintos barrios urbanos.

Compartir: