Inicio Carballo ao día Hemeroteca Descubre o que dá de si a fusión...

Descubre o que dá de si a fusión entre hostalaría e teatro nunha nova edición da ruta “Dálle un bocado ao FIOT”

Doce establecementos ofrecerán almorzos ou tapas exclusivos coincidindo cos espectáculos de sala do Festival Internacional Outono de Teatro

Mércores 3 de outubro do 2018 Carballo ao día

A colaboración entre a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo vai moito máis alá dunha programación teatral de referencia dentro e fóra de Galicia. Aproveitando as sinerxias creadas polo Festival Internacional Outono de Teatro, desde a Concellaría de Promoción Económica poñemos en marcha un ano máis a ruta gastronómica Dálle un bocado ao FIOT, na que tamén implicamos á hostalaría local para contribuír á promoción e á dinamización tanto da gastronomía coma da hostalaría cunha oferta de calidade que apoie o desenvolvemento económico do noso concello.

A participación vai en aumento, e este ano poderás darlle un bocado ao FIOT en 12 establecementos, que, coincidindo cos espectáculos de sala (días 7, 11, 12, 13, 14, 19, 20, 21, 26, 27, 28 e 31 deste mes) ofrecerán almorzos e tapas exclusivos tanto nos seus ingredientes coma na elaboración e mesmo na denominación, que incluirá referencias teatrais.

A ruta dos almorzos terá as paradas fixadas na Cafetería Colón, Tomasa Taller de Repostería, Valle-Inclán Café e Mmmm Xeados. E non terás falta de madrugar, porque estarán dispoñibles de 09.00 a 12.00 horas. As tapas resérvanse para a tarde-noite, desde as 20.00 ata as 23.00 horas, e a ruta é máis longa, xa que pasa por A Barra Bar, A Esmorga Restaurante, Cafetaría Pazo da Cultura, Cervexaría A Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Taberna O Mexillón e Vinoteca Ánfora.

Dálle un bocado ao FIOT é unha proposta da Concellaría de promoción Económica que complementa a programación teatral, e que ofrece ao público a oportunidade de degustar sabedores e completos almorzos por 3 euros ou ben orixinais tapas por 2 euros. Con cada bocado que lle deas ao FIOT participarás no sorteo de 2 entradas para a edición de 2019, con cea, aloxamento e almorzo para dúas persoas. E se ademais tes bono, do 9 ao 28 de outubro podes pasar polo Museo de Bergantiños a recoller un vale para un almorzo e unha tapa de balde.

Compartir: