Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Premio Cidades que Camiñan é o...

O Premio Cidades que Camiñan é o símbolo “dun Carballo novo e diferente”, asegura a concelleira Milagros Lantes

Evencio Ferrero: “Que o premio sirva para que moita xente nos coñeza e nos visite, e para que sigamos demostrando que Carballo é un bo lugar para vivir”

Luns 8 de outubro do 2018 Carballo ao día

A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, amosou a súa satisfacción pola concesión do Premio Cidades que Camiñan, porque “é importante para Carballo que se recoñeza o traballo que se está a facer, pero é tamén a maneira de saltar á palestra cun Carballo novo e diferente”. Un modelo urbano “propio, porque hai que interpretar a realidade específica de cada territorio, e nós temos que actuar sobre o que herdamos, que ben se podería dicir que foi a lexítima curta”, engadiu o alcalde. Evencio Ferrero manifestou hoxe, durante a rolda de prensa de valoración do galardón, que precisamente foi a destrución de todos os símbolos do noso pobo o que o levou a meterse en política e a traballar na procura dos novos símbolos dun Carballo moderno, vivo e puxante. “Que o premio sirva para que moita xente nos coñeza e nos visite, e para que sigamos demostrando que Carballo é un bo lugar para vivir”, declarou.

Evencio Ferrero amosa o proxecto que se presentou ao premio

Evencio Ferrero amosa o proxecto que se presentou ao premio

Tras recibir esta fin de semana a nova da concesión do Premio Cidades que Camiñan na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes, Milagros Lantes destacou especialmente o recoñecemento que supón “ao traballo e esforzo que se está facendo para converter Carballo nun mellor lugar para vivir e para camiñar”. Tanto a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana coma o alcalde destacaron que o premio é “un éxito de Carballo” e unha maneira de poñer en valor o traballo realizado non só dende o goberno municipal, senón dende os distintos departamentos municipais que colaboraron e que están implicados na mellora urbanística de Carballo.

Liñas básicas do proxecto

“Facer un Carballo amable é un labor transversal, que ten que levar consigo outros aspectos que contribúen a facer de Carballo un lugar mellor para vivir”, sinala Milagros Lantes

O proxecto presentado consta de tres bloques de actuación. Por unha banda, a elaboración da estratexia de xestión do espazo público, que continúa avanzando para marcar as grandes liñas da mobilidade a medio e longo prazo. En segundo lugar figuran cuestións normativas coma a ordenanza que se presentará, con toda probabilidade, no pleno de novembro, e que, entre outras cuestións, establece medidas que van contribuír ao calmado do tráfico e, en consecuencia, á mellora da seguridade viaria. E, por último, incluíronse as actuacións estruturais realizadas nos anos 2017 e 2018 (o período viña marcado nas bases do premio), non só no que respecta ao arranxo de vías senón tamén a outro tipo de actuacións como a skate-praza, a campaña Apárcate en Carballo, a participación na Semana Europea da Mobilidade ou o proxecto artístico de rexeneración urbana Derrubando Muros con Pintura. “Facer un Carballo amable é un labor transversal, que ten que levar consigo outros aspectos que contribúen a facer de Carballo un lugar mellor para vivir”, explicou.

Evencio Ferrero, pola súa banda, comentou que a concesión do premio tamén implica “un compromiso de seguir actuando”. E, nesa liña, xunto ás actuacións realizadas entre o ano pasado e o actual en preto de 20 rúas, xa se está a traballar para continuar mellorando outras coma Barcelona, Tarragona, Xílgaros, Luís Braille ou Bos Aires, entre outras, e acometendo obras que non só están a transformar o noso casco urbano, senón que ademais “reflicten a capacidade de investimento do Concello de Carballo”.

Milagros Lantes recollerá o galardón no 6º Congreso da Rede das Cidades que Camiñan, que se celebrará os días 10 e 11 deste mes en Villanueva de la Serena (Badaxoz), e ao que tamén asistirá o arquitecto xefe da Oficina Técnica Municipal, Alfredo Garrote.

Compartir: