Inicio Carballo ao día Hemeroteca O director da Escola de Hostalaría...

O director da Escola de Hostalaría promociona as feiras de Carballo no congreso San Sebastián Gastronomika

Fernando Agrasar destacou na súa intervención de hoxe o traballo do alumnado da nosa escola, que participou na elaboración dun dos pratos que presentou

Martes 9 de outubro do 2018 Carballo ao día

O director da Escola de Hostalaría participou hoxe en San Sebastián Gastronomika

O director da Escola de Hostalaría participou hoxe en San Sebastián Gastronomika

Fernando Agrasar foi un dos cociñeiros convidados pola Deputación Provincial da Coruña a participar no prestixioso congreso San Sebastián Gastronomika,  que se celebra entre os días 7 e 10. Hoxe foi a súa quenda na cociña, e o director da Escola de Hostalaría do Concello de Carballo deixou ben alto o pavillón cunha empanada de xouba e un guiso de escarapote, dous produtos “galegos 100%”, coma el mesmo dixo.

Pero ademais de promocionar a gastronomía galega e produtos específicos como as algas, que tanto están a aportar á gastronomía internacional grazas a empresa coma Portomuíños, Fernando Agrasar entrou en detalle poñendo en valor o allo e a cebola de Barizo, onde está o seu restaurante As Garzas, e a feira de Carballo, “un mercado marabilloso” _dixo_ onde se pode mercar produto “auténtico” da horta da comarca.

Fernando Agrasar elaborou empanada de xouba e guiso de escarapote

Fernando Agrasar elaborou empanada de xouba e guiso de escarapote

Fernando Agrasar agradeceu á Deputación da Coruña o labor de difusión da gastronomía galega neste tipo e eventos e presumiu do seu alumnado na Escola de Hostalaría do Concello de Carballo. “Parte das elaboracións da empanada: cebola, pementos... fixéronas os alumnos e alumnas o segundo día de curso”, asegurou.

O director da escola, que coincidiu en San Sebastián Gastronomika co noso concelleiro de Promoción Económica e deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira, mesturou na súa intervención produto e paisaxe, e subliñou que o territorio e a autenticidade son os símbolos de identidade da gastronomía galega.

Compartir: