Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo ampliará o contrato...

O Concello de Carballo ampliará o contrato do alumeado para instalar 138 puntos de luz distribuídos entre todas as parroquias

A proposta será debatida no pleno do vindeiro luns, na que tamén se abordarán mocións de todos os grupos políticos

Xoves 25 de outubro do 2018 Carballo ao día

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

Entre os numerosos asuntos que integran a orde do día do vindeiro luns que destaca a proposta de ampliación do contrato do alumeado público para colocar 138 novos puntos de luz na zona rural. O Concello de Carballo pagará por este servizo, que inclúe a instalación das luminarias led, o consumo e o mantemento, un total de 14.661,12 euros ao ano, segundo informaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, en rolda de prensa. O obxectivo desta actuación, tal como explicaron, é dar resposta ás demandas recollidas nos diferentes consellos parroquiais para mellorar a seguridade veciñal.

En materia de contratación tamén se presentará a extinción do contrato de auga e saneamento coa anterior concesionaria do servizo. O acordo acadado entre as dúas partes supón que a empresa terá que pagar 87.908,57 euros ao Concello de Carballo.

No pleno ordinario do luns tamén se debaterán dúas propostas de modificación do PXOM, nun caso para actualizar aspectos normativos relacionados, sobre todo, cos usos do solo, e, no outro, para avanzar na tramitación da prolongación da rúa Vila de Negreira ata a avenida de Bértoa, un asunto que xa foi moi debatido pola corporación en anteriores sesións.

Neste pleno tamén haberá mocións de todos os grupos: do PP, sobre as bonificacións ás familias numerosas; de TeGa, sobre a apertura da rúa Urbano Lugrís, e do PSOE, sobre a revisión dos valores catastrais. Ademais haberá unha iniciativa conxunta de BNG, TeGa e PSOE (o PP non se posicionou ao respecto na comisión informativa previa) sobre os parques eólicos.

Descargas

Compartir: