Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato coa empresa que...

Asinado o contrato coa empresa que instalará a cuberta da zona de xogos infantís do Parque do Anllóns

O inicio das obras está condicionado polas condicións meteorolóxicas

Mércores 31 de outubro do 2018 Carballo ao día

A sinatura do contrato tivo lugar hoxe na Alcaldía

A sinatura do contrato tivo lugar hoxe na Alcaldía

En canto o tempo o permita, Prosema Noroeste S.L executará o proxecto de “Cubrición do parque infantil do Anllóns”. Un representante da empresa e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron hoxe o contrato por un importe de 135.386,90 euros. O prazo das obras é de dous meses a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo, pero, dado o tipo de actuación prevista, que implica traballos de soldadura e pintura, entre outros, o inicio está condicionado polas condicións meteorolóxicas.

O proxecto do primeiro parque infantil cuberto da Costa da Morte inclúe a reorganización das zonas de xogos para facilitar o desfrute dos nenos e nenas, polo que será preciso substituír parte dos pavimentos para adaptalos aos novos usos. Os xogos distribuiranse en dúas zonas nas que se instalarán cubertas sustentadas cunha estrutura formada por perfís de aceiro en cor vermella, a modo de marquesiñas cubertas con paneis de policarbonato de distintas cores para protexer da choiva aos nenos e nenas pero permitindo o paso da luz, e que fará posible a utilización do parque practicamente durante todo o ano.

Aproveitando a reorganización do espazo crearase tamén unha zona de reunión e descanso na que se garantirá a sombra coa plantación de árbores de ribeira. As obras serán financiadas con cargo ao PAS Adicional da Deputación da Coruña.

Compartir: