Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Feira de Emprego da Cámara de Comercio...

A INSCRICIÓN É GRATUÍTA E PODE FACERSE EN FERIAEMPLEOACORUNA.ES

A Feira de Emprego da Cámara de Comercio ofrecerá charlas de motivación para axudar á mocidade a atopar traballo

Celebrarase o 4 de abril no Fórum Carballo, haberá servizos de orientación laboral personalizados e empresas con procesos de contratación abertos

Xoves 21 de marzo do 2019 Carballo ao día

A IV Feira de Emprego da Cámara de Comercio, que se celebrará o próximo 4 de abril en Carballo, ensinará aos mozos para buscar o emprego máis adecuado ao seu perfil profesional, explicaralles como deben utilizar as redes sociais e a sacar o máximo partido a unha entrevista de traballo. A entidade cameral farao da man de expertos en empregabilidade, xestión de emocións e autoemprego, entre outras áreas.

O programa da feira está deseñado para que mozas/os que nin estudan nin traballan atopen no evento unha oportunidade laboral. Deste xeito, poñerase en contacto aos participantes con empresas con procesos de contratación abertos, que non se limitarán a recoller currículos –é recomendable que quen acuda á feira leve o seu CV–, senón que realizarán entrevistas aos candidatos.

O evento celebrarase no Fórum Carballo de 10.00 a 14.00 horas. A apertura correrá a cargo do presidente e do director da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro e Gonzalo Ortiz, respectivamente, nun acto ao que asistirá o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Posteriormente, ás 11.00 horas, comezarán as conferencias.

Charlas

“Como buscar emprego segundo a miña actividade profesional: onde o busco? Como podo adecuar o meu CV para unha saída profesional”? é o título do relatorio que impartirá Inmaculada Rodríguez, directora de Emocciación, mentres que a experta en motivación de mozas Eva García disertará sobre “Motivación e autoestima: coida a túa imaxe e aprende a venderte”.

Noemí Belas, directora da start-up “Líbolis, pequenos emprendedores”, ensinará aos mozos para utilizar as redes sociais nos seus procesos de procura de emprego. Pola súa banda, Luís García e Rafael Vázquez, da Fundación Ronsel, explicarán as claves para montar unha empresa. O director da Oficina de Emprego de Carballo da Xunta de Galicia, Benigno Lubián, pechará o programa cunha radiografía do mercado de traballo na comarca de Bergantiños.

Itinerarios a medida

A Cámara de Comercio da Coruña porá a disposición da mocidade puntos de orientación laboral. Trátase de servizos dirixidos por expertos en empregabilidade que analizarán as circunstancias e os perfís laborais para elaborar itinerarios a medida.

De carácter multisectorial, a inscrición na feira é gratuíta e pode facerse na páxina web feriaempleoacoruna.es. Para participar é necesario estar inscrito no Programa de Garantía Xuvenil (PICE) que impulsa a entidade cameral desde 2015. As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao 981 216 072. As empresas tamén poden inscribirse en pice@camaracoruna.com.

Compartir: