Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chega a Semana do Libro e a Lectura máis...

DO 8 AO 12 DE ABRIL NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA

Chega a Semana do Libro e a Lectura máis revolucionaria

Caxoto, Pakolas, Trinke Trinke, Ghazafelhos e o Mago Antón protagonizarán as actividades abertas a todo o público. Os convites poderán recollerse na biblio

Martes 2 de abril do 2019 Cultura

A Biblioteca Rego da Balsa acollerá, do 8 ao 12 de abril, a XIV Semana do libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e o Concello de Carballo que volverá contar co patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz e que este ano terá como tema central a revolución. O extenso programa estará dividido, como xa é habitual, en dous grandes bloques: as actividades concertadas cos centros de ensino do municipio e as abertas ao público, que poderá desfrutar, ademais, de dúas exposicións permanentes, a dos traballos elaborados polas alumnas e alumnos dos colexios carballeses e a dos libros cedidos polas editoriais Baía, Galaxia, Kalandraka, OQO e Xerais.

Música, obradoiros, maxia, humor, contacontos, teatro, tecnoloxía 3D... non falta de nada nas propostas concertadas cos centros de ensino, que se desenvolverán sempre en horario de 9.30 a 14.30. O luns 8 os escolares de 5° de EP asistirán ao obradoiro ‘O robot Segueliña!’, impartido por m8factorial, unha actividade para experimentar coa robótica, agudizar o enxeño e utilizar a creatividade na construción dun coche intelixente que é quen de seguir unha liña negra colocada no chan. Tamén o luns, haberá espazo para ‘Os contos contados’ de Celso Fernández Sanmartín.

O martes 9, para o alumnado e EI, están programadas as ‘Parábolas de Pakolas’, nas que Paco Cerdeira Cerdeira combinará a narración, interpretación e caracterización de varias personaxes, e a música a ritmo de rock e outros estilos: un espectáculo no que os nenos e nenas participarán coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz.

A primeira actividade do mércores 10, para 1° de EP, é ‘Saaaabor’, un espectáculo de Félix Rodríguez e Fran Rei no que se mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Seguiralle ‘Teatremos un pouco’, de Lucecús Teatro, que afondarán no coñecemento da práctica teatral como xeito de desenvolver competencias básicas, da personalidade, a motivación a tolerancia e o espírito de equipo.

A proposta do xoves 11, para as cativas e cativos de EI, chámase ‘A ovella Engracia’, de AldaoLado. O texto de María Lado, con cancións de Lucía Aldao, conta a historia de Engracia, un animal que pensa que ser ovella é moi aburrido e que o que máis quere é ver a lúa no alto da noite.

O vernes 12, Ceo aberto explicaralle ao alumnado de 3° de EP ‘A revolución 3D’, unha tecnoloxía que está a revolucionar o mundo do deseño. No obradoiro, os nenos e nenas aprenderán a empregar impresoras e lapis 3D para, neste caso, deseñar obxectos relacionados cunha obra literaria (marcapáxinas etc.). E a Semana para os centros escolares carballeses pecharase con ‘Revolución. A volta a Galiza co Magomóbil’ do Mago Antón, onde todo é posible, como ver aparecer por arte de maxia landras, amorodos, lóstregos, bolboretas  ou vasoiras.

As actividades abertas ao público comezarán ás 18 horas (recoméndase coller convite na Biblioteca Rego da Balsa). Serán ‘Tardes de contos, música e maxia’, que comezarán o luns 8 cos ‘Contos para escoitar mentres bailamos un valse’, de Caxoto Contacontos. O martes 9 Pakolas dará outro dos seus divertidos concertos; o mércores 10 serán os Ratiños Lonxedetodo, de Trinke Trinke, que conten as historias máis divertidas para os máis cativos e cativas; o xoves 11 Teatro Ghazafelhos farán viaxar ao público na súa ‘Máquina do tempo’; e o venres 12 o Mago Antón fará unha segunda función da súa ‘Maxia para soñar e voar”.

Presentación

A XIV Semana do libro e a lectura de Carballo presentouse onte na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Carme Vilariño, en representación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Trigo salientou ‘o extraordinario esforzo do profesorado dos centros de ensino carballeses, incluído o de Canosa-Rus, e a súa implicación coa Semana do libro, que non comezará o luns que vén, senón na que os docentes xa veñen traballando nestas actividades desde que empezou o curso académico”.

Carme Vilariño debullou polo miúdo o programa de actividades e agradeceu a colaboración do Concello e o patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz para facer posible unha Semana “que ten como obxectivo achegar os libros e a lectura á comunidade educativa; e dicir, ao profesorado, o alumnado e as familias”. “Para nós”, engadiu, “a lectura e os libros son un instrumento indiscutiblemente efectivo de acceso ao coñecemento. Hoxe en día a lectura pódese facer en moitos soportes e todos son válidos: o importante é ler”. “Agardamos _rematou_ que a Semana teña a acollida que vén tendo todos este anos, nos que participaron arredor de 2.500 escolares en cada edición”.

“Xa que esta Semana ten como tema a revolución”, afirmou Evencio Ferrero, “tamén hai que trasladarlle a revolución que sufriu o mundo do libro ao alumnado, desde os máis cativos ao que teñen máis idade, pois o mundo do libro é unha aprendizaxe permanente e no libro todos podemos atopar algo no que poder vernos realizados”. “A lectura debe ser crítica, debe permitirnos reflexionar sobre a sociedade na que vivimos. Isto non sería posible, no caso que nos ocupa hoxe, sen os profesores e profesoras e sen a labor da ASPG e tamén da Fundación Luis Calvo Sanz, sempre disposta a axudar e moi sensible a todo o que rodea á cultura. O programa, á vista está, é suficientemente intenso para que sexa exitoso, e desenvolverase nun marco moi agradecido para o libro e a lectura como é a Biblioteca Rego da Balsa, que ten xa recoñecementos tan importantes como os premios María Moliner”.



Galería

Compartir: